
Ignorancia e submisión: a combinación perfecta da Xunta para seguir as ordes de Feijóo sobre unha falsa “selectividade común”
A CIG-Ensino denuncia a falta de respecto ao profesorado e ás universidades nunha posta en escena de fogos de artificio
Non vai existir unha proba única nin uns únicos criterios de avaliación nin uns temarios idénticos na futura Proba de Acceso á Universidade (PAU) regulada polo Real Decreto 534/2024. Para que iso acontecese tería que derrogarse inmediatamente a actual LOE e toda a normativa que, con cambios e bandazos, perfila a estrutura do sistema educativo español desde hai décadas. Tería que eliminarse a “peculiaridade” de sermos galegas e galegos, de contar cunha lingua propia de carácter oficial. Tería que eliminarse a potestade legal de fixar un 50% do currículo de todas as materias e tería que pasar sobre as propias universidades como un bulldozer ultrarreaccionario.
O esperpento que tivo lugar onte 1 de xullo, nun acto partidario do PP no que os respectivos conselleiros de Educación das comunidades autónomas con gobernos da dereita se conxuraron para vender unha “selectividade única”, marcou un novo chanzo no nivel de submisión do conselleiro de Educación e do presidente Rueda aos ditados das necesidades partidarias de Feijóo. Toda a posta en escena semellaba un acto de vasalaxe e submisión impropio de gobernantes cun mínimo de autoestima e vergoña. Vexamos.
En primeiro lugar amósase unha estraña ignorancia cando se fala de ABAU cando desde hai case un mes a denominación da proba que regula o acceso á universidade se denomina PAU. Alguén debeu deixar sen actualizar o argumentario conservador para o “acto”.
En segundo lugar, o PP debe descoñecer as competencias das comisións das que depende a PAU, unhas comisións das que forman parte as propias administracións educativas xunto coas universidades públicas e profesorado de Bacharelato dos centros públicos. No caso galego, pode ser que descoñeza que a CIUG xa fixo os deberes e para alén de coordinar un grupo de traballo con representación da maioría dos distritos universitarios do estado, xa remitiu aos grupos de traballo as instrucións para botar a andar a PAU do curso 2024/25, algo totalmente necesario para que, xa ao comezo do curso, o profesorado de Bacharelato teña claros os cambios que se aplicarán e como adaptar a súa práctica docente a estes. Vai anular a Consellaría o traballo feito pola CIUG e “meter man” unilateralmente nos grupos de traballo para aplicar uns criterios de corrección, o número de preguntas ou sobre a estrutura das probas? Consultou nalgún momento coas equipas de goberno das tres universidades públicas galegas?
En terceiro lugar, parece que a única cuestión na que vai quedar o acto do PP é en fixar o mesmo calendario para a realización das probas e na publicación dos resultados nas CC.AA. nas que goberna. Daría para rirse se non fose un insulto á sociedade xogar co alumnado e o profesorado nunha cuestión tan seria. En todo caso, quen se vai acomodar a quen? Madrid a Galiza ou viceversa? Porque nestes dous casos nunca coincidiron até agora as datas das probas da ABAU e iso que o PP goberna ambas desde hai anos.
En cuarto e último lugar, é necesario lembrar que o acceso á universidade depende nun 60% do expediente do Bacharelato. Ten pensado a Consellaría de Román Rodríguez dicirlle ao profesorado galego como debe cualificar para avaliar exactamente nun instituto de Galiza que nun de Murcia ou Madrid? Non está de máis lembrar que xa non o fai, afortunadamente, entre os propios centros educativos galegos.
Desde a CIG-Ensino recomendamos aos gobernantes que non queren exercer as súas competencias de autogoberno que, cando menos, deixen traballar a quen sabe de verdade o que se trae entre mans. En todo caso, desde o sindicato advertimos que estaremos alerta ante calquera inxerencia política no deseño e características das futuras probas de acceso á universidade.