80.000 persoas enchen o Obradoiro para manifestarse en contra do decreto e en defensa do ensino en galego

Grazas a todas e todos por facer posible o éxito da folga

A CIG valora como un absoluto e rotundo éxito a participación na folga –un 90%- e na manifestación convocadas pola plataforma cidadá Queremos Galego, da que a central sindical forma parte. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que a proposta do PP é “disparatada” do punto de vista pedagóxico e “preautonómica e incumpridora da lexislación vixente” do punto de vista xurídico.

Anxo Louzao advirte que “non hai acordos nin consensos posíbeis se non se parte do Plan de Normalización e do Decreto 124/2007

80 mil persoas enchen o Obradoiro para manifestarse en contra do decreto e en defensa do ensino en galego

 
FOLGA DECRETO CONTRA O GALEGO 21-1-2010
 

A CIG valora como un absoluto e rotundo éxito a participación na folga –un 90%- e na manifestación convocadas pola plataforma cidadá Queremos Galego, da que a central sindical forma parte. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que a proposta do PP é “disparatada” do punto de vista pedagóxico e “preautonómica e incumpridora da lexislación vixente” do punto de vista xurídico. 
O secretario nacional de CIG-Ensino comezou a súa intervención dando as grazas e parabéns “polo esforzo do profesorado, do estudantado e de moitos pais e nais que, entre todos, fixemos posíbel este rexeitamento do ensino ao decretazo contra a nosa lingua”.
Anxo Louzao asegurou que as bases do trilingüismo que nos pretenden impor, non se entenden se non é polo “odio que este goberno exerce contra o noso idioma” matizando que “só desde mentes colonizadas se pode impedir que o alumnado non adquira a competencia lingüística suficiente para poder usar a lingua propia de Galiza”.

Bases de extinción do galego

O secretario nacional de CIG-Ensino afirmou que esta proposta, á que denominou de “bases para a extinción do galego” é a “agresión máis severa contra o noso idioma nos últimos trinta anos”. Alén diso, denunciou que a consellaría “abandona a normalización lingüística e elude as súas responsabilidades, levando o conflito aos centros, coa intención de crear unha fractura social importante e buscar a desaparición do noso idioma no ensino”.

Elección dos pais e nais

Louzao exixiu que a Xunta desista de que os pais e nais sexan os que fixen o idioma do ensino, da pretensión de reducir o ensino en galego e de aplicar a falacia do trilingüismo. “Reclamamos”, dixo, “que se restaure a confianza e o respecto ao labor do profesorado”.
Alén diso, advertiu que non hai máis saída posíbel que a retirada destas bases, porque perseguen a “eliminación do noso idioma como lingua útil e o seu desterro do sistema educativo” e adiantou que non hai acordos nin consensos posíbeis “se non se parte do conquistado até agora”, nomeadamente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no parlamento e no decreto 124/2007.
O secretario nacional de CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro para informalo de que “non vai haber decreto posíbel que evite que o profesorado que hoxe imparte as súas clases en galego deixe de facelo”. 
Louzao rematou a súa intervención cunha mensaxe de esperanza. “Temos a certeza de entre todos imos parar este decretazo contra o galego”.

MODELO DE SOLICITUDE DE ENVIO DO DIÑEIRO QUE VAN RETRAER DA FOLGA PARA HAITÍ


Os abaixo asinantes, profesores e profesoras do centro ....



EXPÓN:

Que tendo participado na FOLGA do 21 de xaneiro contra as bases de proposta do Decreto do plurilingüismo.
Consciente da situación pola que atravesa Haití, nunha crise humanitaria terrible e con unha necesidade urxente de axuda económica.

SOLICITAMOS:

Que remitan diñeiro do que van dispoñer como consecuencia desta xornada de folga ás Organizacións Humanitarias que están a intervir neste país caribeño para que dispoñan de mais recursos e medios co fin de levar a cabo as súas accións de axuda a poboación vítima do terremoto.


Para que así conste, asinamos en.............................................................






SR. CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN E O.U.
Consellaría de Educación e O. U.
Edf. Administrativos San Caetano. Santiago de Compostela




Volver