45.000 rapaces e rapazas participarán na edición 2011 do correlingua
As carreiras pola lingua comezarán o día 2 de maio en Compostela e rematarán en Ourense o 13, percorrendo 15 comarcas galegas baixo o lema “En galego sempre somos”
O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega – Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración das Deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense, así como os distintos concellos das comarcas onde ten que ten lugar a actividade. No acto de presentación estiveron presentes: Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, Carlos Callón, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, concelleira de Normalización do Concello de Santiago, e Ermitas Valencia concelleira de Normalización Lingüística da Coruña, en representación de todos os concellos colaboradores.
As entidades organizadoras veñen realizando esta actividade escolar como proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. Trátase de darlle protagonismo social e voz ao sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega e que debe ter un papel activo no mesmo.
Para este ano elixiuse como lema da actividade “En galego sempre somos”, sinalando a importancia da lingua como mellor vehículo de expresión da nosa identidade colectiva e xa que logo, como medio de unión entre as galegas e galegos.
Entrega dos premios do Correlingua 2011
No acto de entrega de premios Anxo Louzao, agradeceu o profesorado a dedicación e o esforzo na colaboración co Correlingua. Por outro lado, criticou que diversos departamentos da Xunta de Galicia abandonaran toda colaboración coa actividade, especialmente no caso da Secretaría Xeral de Política Lingüística que este ano nin sequera recibiu á organización.
Ermitas Valencia e Guadalupe Rodríguez, concelleiras de normalización lingüística da Coruña e Santiago respectivamente, destacaron a importancia da implicación dos organizadores e dos participantes facendo visíbel nas rúas estes traballo e a reivindicación de vivirmos en galego.
Carlos Callón felicitou os mozos e mozas presentes pola súa defensa activa da lingua animándoos a continuar e tamén expresou o agradecemento da organización ás institucións colaboradoras que continuan a apoiar o Correlingua, unha actividade plenamente necesaria para a nosa mocidade.
Na presentación entregáronse tamén os premios dos concursos de Manifesto do Correlingua 2011, de Banda deseñada e de Vídeo, que recaeron no IES Agra e Leborís da Laracha o CPI San Martiño de Pontevedra, e os IES Fontem Albei da Fonsagrada respectivamente, resultando finalista do manifesto o CPI de Pontecesures. A organización destaca a alta participacióne calidade dos traballos presentados, e a bia acollida do concurso de vídeo que se estrea nesta edición. Os gañadores e os finalistas recibiron como premio a participación no Proxecto Terra organizado polo Colexio de Arquitectos e os movementos de renovacións pedagóxica, como a AS-PG e a visita ao centro de interpretación da natureza Eira da Xoana que xestiona a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
O traballos gañadores, a xuízo dos xurados, expresan perfectamente e cunha linguaxe axeitada á mocidade e á infancia en cada un dos soportes os motivos polos que queren vivir en galego, animandoa utilizar a nosa lingua e rompendo con todo tipo de preconceitos e prexuízos.
Tamén nesta edición contamos coa colaboración do colectivo Komunicando co que se puxo en marcha o Cantalingua, un concurso musical no que participan máis de 30 grupos, entre eles grupos xa coñecidos no panorama musical galego. O concurso consiste en que o alumnado pode votar directamente ao grupo que lle gustaría que actuase nas festas finais do Correlingua. E ese será precisamente o premio, actuar nas festas finais. Nesta edición resultaron gañadores os grupos ZENZAR, SOM DO GALPOM e SACHA NA HORTA.
As festas finais contarán, por tanto, coa lectura do manifesto gañador ao inicio e a actuación musical dun dos grupos gañadores do Cantalingua no remate e como acto central, un espectáculo de Maxia a cargo de Martín Camiña e actuacións para o alumnado de infantil a cargo de Pablo Díaz. A estas actuación sumaranse en cada unha das 15 localidades os concursos e/ou actuacións en cada localidade.