As carreiras pola lingua comezarán o día 5 de maio en Vigo e Pontevedra e rematarán na Coruña o 15, percorrendo 14 comarcas galegas baixo o lema ‘En Galego! Pásao!’
CORRELINGUA 2009
45.000 rapaces e rapazas de 500 centros de ensino
participarán na edición 2009 do Correlingua
As carreiras pola lingua comezarán o día 5 de maio en Vigo e Pontevedra e rematarán na Coruña o 15,
percorrendo 14 comarcas galegas baixo o lema ‘En Galego! Pásao!’
De esquerda a dereita: Olga Patiño, Carlos Callón , Mercedes Rosón, Anxo Louzao, Marta Dacosta, Xoán Manuel Sande e Antón Bao, durante a presentación da edición 2009 do Correlingua
Arredor de 45.000 rapazas e rapaces duns 500 centros de ensino de todo o país participarán na edición 2009 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000 e que este ano consistirá en 14 carreiras a prol da lingua que se van celebrar en 14 vilas de Galiza. Os actos comezarán en Vigo e Pontevedra o 5 de maio e rematarán na Coruña o vindeiro día 15. Cómpre destacar que, un ano máis, se incrementa a participación de alumnado e de centros, e tamén se incorporan novas localidades, co que esta actividade esténdese cada vez máis por todo o noso país.
.
O Correlingua está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), e os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo, e conta tamén coa colaboración dos Concellos da Coruña e Ourense, de Galicia Calidade e do Xacobeo e as deputacións da Coruña e Lugo; así como dos concellos onde se organiza a actividade. As entidades organizadoras consideran fundamental implicar a mocidade, un sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega que debe ter un papel activo no mesmo.
Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegas e galegos a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
No acto de presentación do Correlingua 2009, desenvolvido no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela, participaron representantes das distintas entidades organizadoras que nas súas intervencións fixeron fincapé na necesidade de falar o noso idioma, lembrando que está en retroceso entre as xeracións máis novas.
Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, dirixiuse ao alumnado presente lembrando que o noso idioma está nunha situación de retroceso que cómpre inverter. Aclarou que o galego, en contra dalgunhas afirmacións interesadas non se está a impor, se non que segue nunha situación desfavorecida, “Se se está a impor, como é que se fala un corenta por cento menos que na época dos nosos avós?. O que temos que facer é usalo, e animar aos nosos amigos e amigas a que tamén o usen”. Ao tempo, Anxo Louzao expresou o agradecemento da organización ao profesorado dos centros participantes, polo seu labor de dinamización da nosa lingua entre o alumnado.
Olga Patiño representante da AS-PG animou ao alumnado a que igual que tinxen a lingua de cores coas larpeiradas, que a tinxan de palabras na nosa lingua e que a gasten con ela, animándoos a que a usen en todas partes. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, propuxo “defender día a día o noso idioma”, recordou que “os poderes públicos teñen a obriga non só de defender o galego, senón tamén de promovelo” e convidou a todos a participar na manifestación do vindeiro 17 de maio.
No acto tamén interviñeron Mercedes Rosón, concelleira de Santiago de Compostela, un dos catro concellos organizadores do Correlingua, Xoán Manuel Sande, deputado provincial de normalización lingüística da Coruña e Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo. Os representantes institucionais coincidiron en salientar a importancia de apoiar iniciativas como o Correlingua desde as institucións, realizando unha aposta pola normalización do noso idioma.
Despois da presentación foron entregados os premios dos concursos desta novena edición, na que participaron máis de 500 centros. Partindo do lema escollido ‘En Galego! Pásao, resultaron gañadores os alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do CEIP O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa, na modalidade de Banda Deseñada; e o alumnado de 4º da ESO do CPI de Panxón, Nigrán, na modalidade de Manifesto. Ademais, en Banda deseñada resultou finalista o alumnado de 3º de Primaria do CEIP Labarta Pose de Baio, Zas; e o de 5ºB de Primaria do CEIP A Xunqueira nº1 de Pontevedra. No Manifesto os finalistas foron o alumnado de 4º da ESO do CPI da Ponte Carreira, Frades; e o de 3º da ESO do IES Agra de Leborís da Laracha. O manifesto gañador será lido en todas as vilas e cidades onde se desenvolverá o Correlingua. Os gañadores e os finalistas recibiron como premio a participación nos programas Vive o Monte e Entremareas da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, e no Proxecto Terra organizado polo Colexio de Arquitectos e movementos de renovación pedagógica como a AS-PG. A grande calidade dos manifesto e Bandas deseñandas apresentadas, motivaron o recoñecemento especial aos finalistas por parte do xurado.
Previamente á celebración do Correlingua 2009 tamén se celebrou o A Polo Ghit do Correlingua en colaboración coa Radio Galega e o portal de noticias Vieiros. Nesta iniciativa participaron 75 grupos de música galega que presentaron cadansúa canción, que o alumnado tivo a oportunidade de descargar da páxina web do Correlingua e votar. Resultou elixido o grupo Chámalle Xis que actuará en 7 das festas finais do Correlingua. Noutras 5 festas actuará o cantautor Hugo Torreiro En todas as vilas e cidades nas que se celebra o Correlingua, desenvolveranse espectáculos teatrais que contarán coa participación do grupo Fantoche Baj e do Grupo Chévere, entre outros.
.
CALENDARIO CORRELINGUA 2009
Vigo 05/05/2009 Vigo
Pontevedra 05/05/2009 Pontevedra
Ourense 06/05/2009 Ourense
Santiago de Compostela 07/05/2009 Santiago de Compostela
Ribeira Sacra 08/05/2009 Monforte
Monterrei 08/05/2009 Verín
Lugo 11/05/2009 Lugo
A Mariña 12/05/2009 San Cibrao (Cervo)
A Barbanza 12/05/2009 A Pobra do Caramiñal
Baixo Miño 13/05/2009 Baixo Miño
Ferrolterra 13/05/2009 Ferrol
O Salnés 14/05/2009 Vilagarcía
A Estrada 14/05/2009 A Estrada
A Coruña 15/05/2009 A Coruña
Máis información en www.correlingua.org