30 De Xaneiro: Día Escolar Pola Paz

Día Escolar Pola Paz

Diante da conmemoración do DÍA ESCOLAR POLA PAZ, a CIG-ENSINO fai un chamamento a todo o profesorado para a organización de actos escolares con este motivo; actos que teñan os obxectivos de concienciar o alumnado en contra das guerras, denunciar desde os nosos lugares de traballo os atropelos e inxustizas que se están a cometer en distintos lugares do mundo, promover iniciativas para lograr espazos de liberdade e igualdade, incorporar nos proxectos educativos dos centros a educación para a paz como un eixo de actuación colectivo e apoiar os pobos que loitan pola súa dignidade, liberdade e soberanía nacional.

Permanentemente, somos testemuñas de agresións e ocupacións militares en distintos lugares do mundo: Iraq, Afganistán, o Sahara son só algúns exemplos actuais e, neste momento, cómpre salientar o xenocidio que está a cometer o estado de Israel na franxa de Gaza co pobo palestino.
 
Para a CIG-ENSINO, é moi preocupante a  indiferenza e a pasividade con que tales feitos son observados pola maioría dos gobernos do mundo, que agás honrosas excepcións, deixan que Israel leve a cabo a súa política agresiva, utilizando, unha vez máis, o indefenso pobo palestino como mercadoría nas súas campañas electorais.
 
Como docentes, debemos concienciar desta circunstancia e situar os nosos obxectivos na formación de persoas independentes, xustas, solidarias, críticas e tolerantes. Persoas capaces de reflexionar sobre os perigos que se agochan no sexismo, na xenofobia, na violencia, etc., e capaces, tamén, de mudar esta sociedade competitiva e violenta na que vivimos.
 
Desgraciadamente, na nosa sociedade, vemos que este labor educativo que desenvolvemos nos centros de ensino ten que enfrontarse cunhas dinámicas sociais nas que, polo xeral, son fomentadas actitudes contrarias como a competividade, o individualismo e a agresividade.
 
Para a CIG-ENSINO, a educación debe inspirar, divulgar e propiciar:
 
- Iniciativas pola paz e o desarme, unha mellor comprensión e cooperación internacionais e a utilización con fins sociais dos recursos destinados ás guerras. 
- A urxencia de rematar co imperialismo, o belicismo, o militarismo e a nuclearización.
- A necesidade de evitar a difusión social e na escola das ideas e dos heroes insolidarios e violentos, do racismo e do fascismo.
- A solución pacífica dos conflitos.
 
Debemos intentar que estes principios formen parte permanente dos contidos que a escola transmite e non restrinxilos soamente á celebración do "Día da Paz". Para isto, é preciso incorporar no currículo escolar contidos, obxectivos, métodos e técnicas da educación para a paz. E, ao mesmo tempo, debemos inculcar no alumnado o desexo de ser protagonista do seu mundo, participando na construción dunha sociedade mais xusta e denunciando os casos de agresións como a que neste momento se está a dar co pobo palestino e que ten provocado xa máis de 1300 mortos.
 
Conforme aos obxectivos que perseguimos, a Educación para a Paz debe inspirar, divulgar e propor iniciativas pola paz e o desarme, a solución pacífica dos conflitos e o respecto aos dereitos das persoas e dos pobos e o dereito dos pobos á súa libre autodeterminación.

Volver