3 mesas de inmobilismo e involucionismo patronal

Información das negociacións do XII convenio colectivo estatal de centros de ensinanza privada regulada sen ningún nivel concertado

A CIG-Ensino fixo un chamamento, sen éxito, ás organizacións sindicais estatais, para forzar un cambio de rumbo ás patronais e termos negociacións reais que dignifiquen o sector coa  sinatura dun novo convenio con melloras laborais, sociais e salarios dignos.

Despois de tres mesas negociadoras, dende a súa constitución o 28 de febreiro de 2024, do XII convenio estatal de ensinanza privada regulada sen ningún nivel concertado, volvemos a atoparnos unhas patronais inmobilistas e involucionistas e unhas OO.SS estatais, asinantes do XI convenio, que se presentan moi reivindicativas, pero que mesa tras mesa van cedendo e acercándose ás propostas e intereses das empresas, esquecéndose do persoal traballador que din representar.

Propostas prantexadas e defendidas polas patronais do sector, ACADE e CECE:

1 - Ámbito temporal de 3 a 4 anos, coas seguintes subas salariais anuais de 2,75%, 2,75% e 2%, de 2024 a 2026, deixando o 4º pendente caso de aceptalo período enteiro. O 2024 aplicaríase dende o mes da publicación do convenio no BOE ( para meter presa por asinalo).

2 - Adaptación legal de todo o texto a novas normas e leis que entraron en vigor dende a publicación do XI convenio.

3 - Flexibilización da xornada laboral. Como se non o estivera xa, sendo a máis precaria de toda a ensinanza regrada.

4 - Modificar á baixa o Complemento de IT, baixa laboral, pois “ o absentismo non o poden asumir as empresas, polo custe que supón”.

5 - Tratar os temas que non teñan acordo doado e rápido en “comisións ou grupos de traballo”, creados polos asinantes do convenio e a negociar durante a vixencia do mesmo.

Respostas comúns dadas pola parte social CIG-Ensino, CCOO, UGT, USO e FSIE:

1 - O ámbito temporal vai depender do que dean de si as negociacións, sendo 3 anos suficientes e todos con táboas salariais asinadas. Estas subas salariais son insuficientes e inasumibles, máis cando falamos de salarios precarios na ensinanza regrada e con moita perda de poder adquisitivo durante a última década e mais na vixencia do XI convenio. Camiñar cara a equiparación salarial coa concertada.

2 - O da adaptación legal é un tema xa obrigado por lei, para que Traballo o aprobe, polo que hai que modificar moitos máis artigos que supoñan avances e melloras en dereitos laborais e sociais. Todas as organizacións sindicais coincidiron na “regulación da FP”.

3 - A xornada laboral debe camiñar na dirección contraria: reducir as xornadas en xeral, diferenciar entre lectivas e non lectivas ( chamadas complementarias), non poder pasar complementarias a lectivas e compensar o nº de horas da xornada semanal coa anual, pois esta está desfasada a alza; en definitiva, camiñar cara as xornadas da concertada.

4 - Inasumible tocar o Complemento por IT, en tal caso para melloralo.

5 - Nos grupos de traballo, as OO.SS pensamos distinto, sendo a CIG-Ensino a que se opón totalmente a este tipo de “comisións ou grupos”, pola inutilidade dos mesmos, moi recorridos polos convenios estatais e que nunca chegan a nada concreto, quedando todo para a negociación do seguinte convenio. Ademais provoca que algúns sindicatos só asinen para entrar nas ditas comisións ou grupos, que ao final son cortinas de fume.

Ante esta situación a patronal, como leva facendo historicamente, propuxo retirar as súas propostas involutivas ( 3 e 4, que nin figuran no convenio e fai partir delas falsamente), cedendo a parte social na xornada e vacacións tamén, quedando todo como está e só se tratará unha adaptación normativa do texto e táboas salariais moderadas, é dicir, facer o mesmo que no XI convenio. Os sindicatos asinantes e maioritarios xa comezaron a falar de pasalo aos “grupos de traballo” e con garantías de incorporación ao texto do convenio unha vez pactado. Isto tratarase na seguinte mesa do 27 de maio e que a CIG-Ensino rexeitará e espera que as OO.SS estatais non volvan ceder e vender ao colectivo.

PROPOSTAS BÁSICAS DEFENDIDAS POLA CIG-ENSINO NAS TRES MESAS:

Texto

A CIG-Ensino como non asinante do XI convenio, entende que este só pode mellorar en dereitos laborais, sociais e salariais. Sendo básico recuperar poder adquisitivo e dignificando salarios na liña dos homólogos da concertada, así como melloras e avances na xornada e vacacións, cunha mellor regulación e redacción evitando a ambigüidade.

Como 1º paso habería que facer en todo o convenio unha adaptación legal á normativa actual e unha revisión do texto introducindo unha linguaxe inclusiva. Logo como básico propón:

RETRIBUCIÓNS: Recuperar perda poder adquisitivo durante o XI convenio ( 9,8%) e introducir cláusula de revisión salarial anual co IPC acumulado a decembro. As subas aplicadas no XI convenio foron:

Desde o 1 de setembro de 2021:  1,5%. Sen cláusula de revisión salarial. Desde o 1 de xaneiro de 2022:    2 %.  Sen cláusula de revisión salarial. Desde o 1 de xaneiro de 2023:    2 %.  Sen cláusula de revisión salarial.

Polo tanto un resultado NEGATIVO, garante de “perda de poder adquisitivo”, cando os IPC quedaron en 6,5%, 5,7% e 3,1%, repectivamante: perda do 9,8%... e cando xa se traía acumulado de anos e convenios anteriores máis dun 5% de perda de IPC, tras anos conxelados e subas baixas.

Así no 2024 e seguintes aplicar un 5% lineal do SME ( salario medio estatal), a todos os conceptos salariais, é dicir, 105€/mes suba do SB, mínimo a cada categoría, evitando así o incremento da fenda salarial entre salarios máis altos e máis baixos, pois o custe da vida é igual para todos e todas. Tamén podería aplicarse anualmente IPC real +  unha % a acordar.

XORNADA: Reducir xornada lectiva a un máximo de 25h. (sesións semanais a poder ser).Total lectivas e non lectivas anuais coma na concertada. Non poderán pasarse horas non lectivas a lectivas.

Ao PAS recortaráselle tamén a súa xornada máxima ( 37,5h. máximo semanais).

MELLORA NOS PERMISOS E LICENZAS: Avanzar nos mesmos con melloras significativas e non só aplicar adaptación legal como se fixo no anterior convenio: visitas médicas, días asuntos propios,...

MELLORAS SOCIAIS: En temas como excedencias, conciliación laboral e familiar, vacacións ( máis en nº para todas as categorías e mellor redacción), IT, contratacións, regulación da FP,...

Volver