25 de novembro: O ensino contra a violencia machista

A CIG-Ensino súmase aos actos de repulsa co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e realiza actividades para tratar esta problemática en todos os ámbitos sociais

Ademais da elaboración de materiais didácticos para traballar nas aulas este tema, hoxe celebrouse en Compostela o III Encontro Nacional de Mulleres coa asistencia de máis de 200 delegadas que abordaron os distintos tipos de acoso aos que se enfrontan as mulleres nos lugares de traballo (sexual, laboral e por razón de sexo e de identidade) e a resposta sindical a este tipo de violencia

Baixo o lema “Nin na rúa, nin nas aulas, nin na casa… O ensino contra a violencia machista” a federación do Ensino da CIG súmase aos actos de denuncia das situacións de violencia estrutural que viven as mulleres en todo o mundo froito da desigualdade e do patriarcado. Entre as accións que propoñen para erradicar este problema social no eido educativo está a de promover relacións de igualdade e de respecto desde idades temperás. Neste sentido veñen de desenvolver dúas unidades didácticas para traballar nas aulas de Primaria e de Secundaria e de FP a eliminación de estereotipos e da discriminación por motivos de orientación sexual e de identidade de xénero. A utilización de linguaxe inclusiva no ensino, a promoción da coeducación en igualdade e a formación docente para a resolución pacífica de conflitos son outros eixos sobre os que xira este material posto a disposición de toda a comunidade educativa a través da nosa web.

Desde a CIG-Ensino lémbrase, de todas formas, que este tipo de educación transversal que permita abordar o currículo académico mediante a perspectiva de xénero é incompatible coa actual LOMCE polo que este é un motivo máis para exixir a súa derrogación e a elaboración dunha nova lei educativa. 

III Encontro Nacional de Mulleres

 Esta mañá máis de trinta delegadas da CIG-Ensino participaron tamén no III Encontro Nacional de Mulleres que organiza a Confederación Intersindical Galega co fin de poñer en común todas as situacións de acoso e de violencia que sofren as mulleres no ámbito laboral e a resposta dada pola central ante casos concretos (denuncias presentadas, sentenzas xudiciais, protocolos negociados, protocolos negociados e aplicados nos centros de traballo…) Durante o encontro celebrouse tamén unha concentración de repulsa contra a violencia machista, no que a secretaria nacional de Mulleres da CIG, Marga Corral, incidiu en que “a fin desta problemática só será posíbel cando o xénero masculino comece a cuestionarse o lugar que ocupa na sociedade, en que mulleres e homes interioricemos as  desigualdades e rachemos coas normas sociais que perpetúan o control e o poder que os homes exercen sobre as mulleres e reforzan a tolerancia cara á violencia machista".

Paro de mulleres

Para Marga Corral Sánchez “o vindeiro 25 de novembro comeza unha conta atrás que culminará o 8 de marzo coa convocatoria dunha folga xeral de mulleres en Galiza”. A iniciativa viría sumarse á convocatoria dun paro internacional de mulleres impulsado polas organizacións feministas, como a Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, co obxectivo de rexeitar, de xeito activo, todos os tipos de agresións contra as mulleres: non só ante a violencia física ou os feminicidios, senón ante a resposta que moitas administracións dominadas polo patriarcado dan a estas agresións, e contra a permanente discriminación laboral, o acoso e a fenda salarial que padecemos as mulleres.  

As delegadas da CIG aprobaron esta proposta de folga e aproveitaron para facer un chamamento a participar neste paro xeneralizado no que as mulleres "non só non acudan ao seu traballo remunerado, senón que se absteñan tamén de asistir ás clases, de realizar traballos domésticos ou de coidado, e ao tempo, realizar un boicot permanente ás empresas con políticas misóxinas” recalca a responsábel da muller da CIG Ensino María Rodríguez.

Achegando complicidades para a coeducación.

Noutra orde de cousas este sábado, día 25 de novembro, celébranse en Pontevedra o curso, no que aínda te podes matricular, Achegando complicidades para a coeducación

Material didáctico do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Achegando complicidades para a coeducación

Volver