2020, ano Carvalho Calero

Na CIG-Ensino sumámonos ao entusiasmo suscitado desde que se coñeceu o pasado 22 de xuño que o Día das Letras Galegas 2020 estará adicado a Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero, figura clave na historia da nosa literatura, tanto desde o ámbito da creación como desde o da investigación e vinculado tamén toda a súa vida á docencia.

Foi en Santiago de Compostela, onde estaba estudando a carreira de Dereito, onde entrou en contacto co movemento galeguista a través do Seminario de Estudos Galegos, e foi alí tamén onde coñeceu e tratou a Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Álvaro Cunqueiro… Nesa altura publica o seu primeiro poemario en galego, Vieiros (1931).

En 1932 comeza a traballar en Ferrol como funcionario e colabora con multitude de publicacións literarias e publica o volume O silenzo axionllado(1934).

No comezo da Guerra Civil atopábase en Madrid preparando a cátedra de Bacharelato e inmediatamente se posiciona no bando constitucional como miliciano e logo como tenente. Unha vez perdida a Guerra é condenado por separatista e recluído en Xaén.

En 1941 regresa a Ferrol mais como na súa pena se incluía a imposibilidade de exercer cargos públicos tivo que se dedicar á docencia de maneira irregular até que o contrataron no colexio privado Fingoi de Lugo (1950-1965).

Non deixa de lado a creación literaria xa que segue cultivando a poesía (Sete poetas galegos, 1955), comeza a compoñer obras teatrais, publica narrativa (A xente da barreira, 1951)… Mais é esta unha época fecunda en investigación (a súa tese doutoral, Aportaciones a la literatura gallega contemporánea, é de 1954), en que colabora activamente na fundación da editorial Galaxia (1950), na revista Grial… e que resultará determinante para a historiografía da nosa Literatura posto que comeza a publicar en 1963 a magna obra Historia da Literatura Galega Contemporánea, obra enciclopédica que se converte inmediatamente en referencia e que foi completando con posteriores edicións.

E todo isto sen deixar de lado o seu traballo no Colexio Fingoi, centro que dirixe aínda que, oficialmente, e por causa da súa condena, figuraba ‘conselleiro delegado’ do mesmo.

En 1958 ingresa na Real Academia Galega e en 1965 é autorizado para exercer na función pública recalando no IES Rosalía de Castro de Compostela. Neste momento tamén comeza o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela, chegando a se converter, en 1972, no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da nosa historia.

Tamén se dedicou á investigación lingüística, publicando en 1966 a Gramática elemental del Gallego comúne comprometéndose  coas teses etimoloxistas que propugan a unificación da norma gráfica galega coa portuguesa.

Coherentemente con este seu postulado xa asinará exclusivamente como Carvalho desde o ano 1981 e compartirá as teses reintegracionistas, feito que lle acarrearía unha férrea marxinación institucional nos últimos anos da súa vida pero que non foi obstáculo para que el continuase co seu inquebrantábel compromiso ideolóxico coa nosa lingua e cultura, clausurando, por exemplo, o Encontro sobre a lingua que orixinou a creación da Mesa pola Normalización Lingüística coa palestra "Situaçom presente e orientaçom futura dos problemas gerais da nossa língua", impartindo conferencias, editando obras dos nosos clásicos, participando en actividades organizadas pola AS-PG, as asociacións culturais O Facho, Alexandre Bóveda, colaborando coa Associaçom Galega da Língua (AGAL), coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), recibindo premios como o Premio da Crítica de Narrativa Galega pola súa novela Scórpio (1987)…

Finou en Santiago de Compostela en 1990, logo do cal foi declarado Fillo Ilustre de Galiza polo Parlamento Galego.

Volver