190 equipos de Normalización Lingüística dimitirán se non hai un cambio de rumbo en Educación

Normalización lingüística

Os responsábeis nacionais de CIG- Ensino, A Mesa e AS-PG entregaron na Consellaría as reivindicacións e propostas para o cumprimento do decreto do galego no ensino
190 equipos de Normalización Lingüística dimitirán se non hai un cambio de rumbo en Educación
 
Os responsábeis nacionais de CIG- Ensino, A Mesa e AS-PG entregaron na Consellaría as reivindicacións e propostas para o cumprimento do decreto do galego no ensino.
Estas demandas estarán presentes na manifestación nacional do vindeiro 18 de maio “Polo dereito a vivirmos en galego”, que xa conta co apoio de máis de 200 colectivos
 
 
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2008.- Cento noventa equipos de normalización lingüística dos centros de ensino galegos presentarán a súa dimisión se non hai un cambio de rumbo na Consellaría de Educación para aplicar o actual decreto de promoción do noso idioma no ensino non universitario.
 
Así o aseguraron esta mañá en Santiago de Compostela os responsábeis nacionais de CIG-Ensino, Anxo Louzao; a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa, e a Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Os tres acudiron ao rexistro da Consellaría de Educación para facer entrega das reivindicacións e propostas asinadas polos coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización Lingüística, así como unha petición de reunión coa conselleira, Laura Sánchez Piñón, á maior brevidade posíbel.
 
No documento presentado hoxe os asinantes demandan que a Consellaría avalíe o cumprimento do Decreto e “faga un labor de promoción entre toda a comunidade educativa”, así como a elaboración dun “plano de formación dentro do horario lectivo que abranga todo o profesorado”. Tamén se reclama “a creación dunha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da Consellaría de Educación” e que esta poña “á disposición dos Equipos de Normalización Lingüística e dos centros educativos todos os recursos e materiais didácticos necesarios en galego para todas as áreas”. Ademais, solicítase que “a inspección educativa teña como fin primordial a vixilancia do cumprimento do Decreto 124/2007”.
 
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, sinalou que todas estas demandas estarán tamén presentes na mobilización nacional “Polo dereito a vivirmos en galego”, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de maio e cuxo manifesto subscribiron xa máis de 200 colectivos, entre os que se atopan tamén a CIG e maila AS-PG.

Máis información

 

Volver