10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega

A xornada reivindicativa coincide este 2021 coa convocatoria dunha folga comarcal en Ferrolterra e inclúe mobilizacións en catro grandes cidades galegas.

A CIG-Ensino chama a secundar as mobilizacións que hai convocadas, sempre coas máximas garantías de seguridade e protección como vimos de demostrar nos actos de protesta do 8M, nas seguintes localidades:

- Ferrol, ás 12:00h, manifestación conxunta dende a rotonda da Avda. Nicasio Pérez con Trincheiras no marco da xornada de folga xeral convocada para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

- Vigo, ás 18:30h, manifestación da CIG con saída de Vía Norte.

- Santiago, 19:30h, manifestación da CIG con saída da Praza Roxa.

- Ourense, ás 11h, manifestación da CIG con saída dos Xardíns do Padre Feijoo.

Baixo o lema "Fronte á crise, saída galega xusta", a CIG celebra mañá, 10 de marzo, o Día da Clase Obreira Galega, data na que se conmemoran as loitas vividas no ano 1972, principalmente en Ferrol, nas que foron asasinados pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel, mártires do movemento obreiro galego contemporáneo e da loita contra a precariedade e polo dereito á negociación colectiva en Galiza. 

Esta loita segue vixente, e con máis forza ca nunca, por iso o 10 de marzo deste ano está convocada unha folga xeral na comarca de Ferrol ante a destrución de emprego e a grave crise industrial que se vive nesta bisbarra. Esta crítica situación esténdese polo conxunto de Galiza, pero de forma máis dura nas comarcas do norte: A Coruña, Ferrol, As Pontes, A Mariña, Terra Chá, etc, comarcas que teñen unha vida en común e que se están a ver enormemente afectadas.

Neste momento ademais imos camiño dun empeoramento da crise con ERE, peches de empresas, abaratamento nos despedimentos masivos, modificacións das condicións de traballo, descolgues salariais, inaplicación de convenios colectivos, imposición do teletraballo, impacto da dixitalización e descarbonización da economía, etc, que están estendendo a destrución de emprego, a pobreza laboral, pero tamén aumentando a desigualdade de xénero e a exclusión social.

"Preténdese, de novo, saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega"

Esta crise sanitaria, económica e social pon de manifesto as altas taxas de desemprego, temporalidade e parcialidade que golpea nunha parte moi importante da clase traballadora, pero tamén causa un forte debilitamento nos nosos sectores produtivos.

Estamos comprobando que se pretende saír desta crise cun novo saqueo á clase traballadora galega, con políticas máis centralistas que reforzan nas elites españolas a concentración de riqueza e de máis beneficios, aplicándose a fondo na chamada unidade de mercado e acudindo aos fondos europeos, que traerán novos recortes sociais e máis empobrecemento ás clases populares.

Por todo isto, a CIG esixe cambios reais, un plano galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza, de recuperación dos dereitos laborais e sociais sobre a base da derrogación das reformas laborais, dunha transición enerxética galega xusta, de reforzar os servizos públicos, nomeadamente os sanitarios, educativos e de coidados e benestar, de aprobar medidas urxentes de protección e dereitos sociais, etc.

Volver