Homenaxe a Xosé Lois Seixo e Andrés Fernández con motivo das súas xubilacións
Homenaxe a Seixo e Andrés
A CIG-Ensino recoñece o labor desenvolvido por estes dous sindicalistas
Homenaxe a Xosé Lois Seixo e Andrés Fernández con motivo das súas xubilacións
O pasado 15 de xuño celebrouse en Compostela un acto de homenaxe aos sindicalistas da CIG-Ensino Xosé Lois Seixo e Andrés Fernández con motivo dos seus retiros. Membros da central procedentes de todas as partes do país acompañaron a Xosé Lois e mais a Andrés neste emotivo acto, que rematou coas palabras de agradecemento tanto do secretario xeral, Suso Seixo, como do secretario da Federación de Ensino, Anxo Louzao.
Ambos dirixentes agradeceron o traballo desenvolvido polos dous compañeiros desde as orixes do sindicalismo nacionalista. No mesmo acto tamén se rendeu homenaxe, polo mesmo motivo do seu retiro, a Xosefa Baamonde, a primeira mestra represaliada, a comezos dos oitenta, por impartir as clases en galego.
Xosé Lois Seixo: Participou activamente no traballo sindical desde a fundación da UTEG a mediados dos anos setenta. Desde aquela desempeña diversos cargos de responsabilidade na dirección do Sindicato. Entre 1981 e 1986 foi secretario xeral da UTEG. Alén da súas responsabilidades de dirección, centrou o seu traballo na comarca de A Coruña.
Andrés Fernández: Militante desde finais dos anos setenta en Ferrol. Formou parte da Dirección Nacional da UTEG. Posteriormente trasladouse a Santiago e participou activamente no traballo diario nesta comarca. Foi membro da Executiva da CIG-Ensino.
Xosé Lois e Andrés constitúen dous excelentes exemplos de dedicación ao traballo sindical nos xa máis de trinta anos de historia do sindicalismo nacionalista no ensino. Ambos, co seu esforzo incansábel, contribuíron a que a CIG-Ensino se convertese no sindicato de maior afiliación, presenza e introdución na nosa nación. Grazas, compañeiros.
DISCURSO DE ANXO LOUZAO
(Secretario Nacional de CIG-Ensino)
Homenaxe
a Andrés e Xosé Lois.
(15/06/07)
Toda
obra colectiva, como a CIG-Ensino, é, sen lugar a dúbidas, o resultado do
traballo e empeño de todas e todos os que, diariamente, lle damos vida e
utilidade. Mais, non é menos certo que, ao longo dos 34 anos de historia do
sindicalismo nacionalista, houbo compañeiros e compañeiras que se tornaron
imprescindíbeis en diferentes etapas e avatares da nosa organización. Con
certeza, Xosé Lois e Andrés foron, ao longo destes anos, e serán sempre dous
referentes da CIG-Ensino.
Moito
do que hoxe somos ten os seus antecedentes na entrega e nas atinadas análises e
alternativas que conformaron o sindicalismo nacionalista no ensino e no que
foron protagonistas especiais tanto Andrés como Xosé Lois.
Alá
polo ano 1977/78, Xosé Lois vai ter xa unha destacada participación na dirección
da loita contra a emigración dos mestres a través do traslado forzoso fóra de
Galiza. No ano 81 será elixido Secretario Nacional da UTEG e, posteriormente,
participará na fundación da CIG-Ensino, formando parte da súa dirección durante
anos. As súas atinadas análises foron fulcrais para enfrontar con éxito
diferentes conflitos. A súa opinión tiña e ten un plus de seguridade para todos
nós.
Andrés
será dos primeiros afiliados da UTEG en Ferrol. Formará parte a comezos dos 80
da súa Dirección Nacional. Desempeñará diferentes responsabilidades na
CIG-Ensino, participando na súa fundación e nas diferentes executivas. A súa
predisposición permanente, o seu coñecemento e obxectividade achegaron e achegan
seriedade ao noso traballo.
Estamos
ante dous compañeiros que sempre mostraron lealdade absoluta ao proxecto,
compromiso e dedicación para avanzarmos na dirección correcta. A clase
traballadora galega, e o profesorado en particular, nunca vos agradecerán o
suficiente o voso compromiso
permanente de entrega total para descolonizar a educación, defender o ensino
público, procurar a plena galeguización ou conseguir que o
sindicato nacionalista sexa maioritario no
ensino.
Andrés
e Xosé Lois son dous referentes ineludíbeis do sindicalismo en Galiza, dos bos e
xenerosos, cos que teño a sorte de
compartir amizade e dos que aprendín, aprendemos, moitas cousas. Moitas horas de debates e
reunións que foron para min, para todos e todas nós, unha verdadeira escola de
sindicalismo.
A
súas xubilacións como docentes e
liberados non presupón o seu retiro da acción e actividade sindical e/ou
política. Quédalles moito que contribuír e ensinar. A súa colaboración seguirá
sendo necesaria e sabemos de antemán que non nos vai faltar. Mais é de xustiza
que poidan dispor de algo máis de tempo libre para atender e gozar das súas
afeccións.
Este
proxecto colectivo que é a CIG con 60000 afiliados e afiliadas do que forma
parte a CIG-ENSINO con 6000, está hoxe consolidado. Naceu, medrou e fortaleceuse
grazas ao compromiso, vontade e traballo de moitos e moitas e á firme convicción
da necesidade de dotármonos desta ferramenta insubstituíbel e eficaz para a
clase traballadora, para o profesorado e para a galeguización do ensino, en
definitiva, para a emancipación da nosa clase e do noso pobo. Indiscutibelmente,
neste empeño teñen un lugar salientábel tanto Xosé Lois como Andrés.
Todas
e todos nós, a CIG-Ensino, quere mostrarvos o maior recoñecemento pola vosa
loita e compromiso por conseguir un ensino galego e un país de noso.
Moitas
grazas.
Santiago,
15 de xuño de 2007