Hai que aprazar as oposicións docentes

Todo o demais é someter a miles de persoas a un engano.

Unha vez que a Consellaría xa comunicara a decisión de non manter as probas nas datas previstas se se prolongaba o estado de alarma máis alá do 11 de abril, e como a a CIG-Ensino xa denunciou, non se pode xogar cos opositores e opositoras.

A CIG-Ensino demandou a convocatoria urxente e inmediata da Mesa Sectorial para procurar poñer fin a unha situación vergoñenta pola absoluta falta de seriedade da conselleira e do presidente Feijóo. Na Mesa defenderemos o que xa fixemos público o pasado 2 de abril: unhas condicións ben claras que acompañen o aprazamento das oposicións.

A decisión correspóndelle exclusivamente á Consellaría de Educación.

Non pode alegar absolutamente nada ao respecto nin esconderse nas decisións que outros tomen. Ten todos os datos sanitarios, toda a información sobre a evolución da pandemia así como as previsións do goberno español, tanto ao respecto do confinamento como a paulatina e lenta reincorporación á vida normal. Por se algunha dúbida tiñan, Pedro Sánchez afirmou no Congreso que, con case total seguridade, volverá solicitar unha nova prórroga máis alá do 26 de abril, o que situaría o confinamento, como mínimo, no 10 de maio.

Cunha información perfectamente clara e contundente a Consellaría anunciou o pasado 2 de abril, mediante un escrito ao Ministerio que foi filtrado á prensa, que non podería haber oposicións se o estado de alarma se mantiña máis alá do 11 de abril. Nesa mesma data era absolutamente obvio que esa prórroga se ía producir. De feito non pasaron nin 24 horas para que así fose anunciado. De aí que a CIG-Ensino criticara ese mesmo 2 de abril que a Xunta non fose transparente na súa información e non anunciase o aprazamento dos procesos selectivos, xa que con ese límite do 11 de abril a decisión era suficientemente implícita.

Para o sindicato, máis alá das impresentábeis formas de Feijóo e Pomar, o fondo da cuestión é a garantía do mantemento das condicións da oferta de 2020 (reparto de especialidades e prazas) así como a incorporación das prazas necesarias no 2021, e como é obvio, as máximas garantías sanitarias que desde o primeiro día puxemos enriba da mesa.

Estas seguen a ser as condicións que se deben cumprir:

  • Calquera cambio debe ser negociado na Mesa Sectorial.
  • Non se pode perder unha soa praza. Toda a oferta debe manterse exactamente como está anunciada (reparto de especialidades e prazas).
  • A realización dunhas oposicións durante o curso escolar é moi complexa (membros de tribunais que deben ser substituídos, miles de persoas interinas que participan no proceso). Se isto é así en calquera curso ordinario, podería ser aínda peor no curso 2020/21 dada a incerteza actual que non sabemos se afectará ao desenvolvemento curricular do seguinte curso e na que o alumnado non se pode ver novamente afectado.
  • Se as oposicións se trasladan ao 2021 debe sumarse á convocatoria do 2020 a oferta de emprego dese ano, no que a propia consellaría calculaba que se produzan perto de 1.000 xubilacións.
  • A nivel do Estado demandaremos unha solución á limitación da taxa de reposición pactada polo PP e os sindicatos estatais e mantida polo actual goberno. Debemos volver á plena competencia da Xunta para convocar as prazas que considere, sobre todo tendo en conta as propias conclusións da xustiza europea ao respecto de non manter o abuso na contratación temporal.
CIG

Este posicionamento é o que agardamos poder defender se algo queda de sentido común e decencia na Consellaría e se convoca a principios da semana que vén unha Mesa Sectorial extraordinaria.

Volver