Guía de desescalada para a incorporación ao traballo nos centros de atención á diversidade

A CIG-Ensino logrou a única mellora importante neste documento que até o de agora se limitaba á recompilación do regulado e establecido na normativa actual

Aínda que na CIG-Ensino compartimos a práctica totalidade desta guía ou protocolo de desescalada, logo de varias mesas de negociación traballando e aportando contidos ao mesmo decidimos non asinala, pois non mellora o estabelecido por normativa, tanto estatal como autonómica.

A única mellora sobre a norma favorable á clase traballadora foi acadada pola CIG-Ensino, co apoio das demais OO.SS. Trátase de que unha persoa traballadora vulnerable ou sensible ao Covid-19 (diabetes, doenza cardiovascular, hipertensión, doenzas crónicas, cancros, inmunodeficiencias, mulleres grávidas, maiores de 60 anos…), non teña que incorporarse ao seu posto de traballo, gozando dunha dispensa, mentres non teña a resolución do Servizo de Prevención de Riscos Laborais que mandaría ou a súa incorporación, ou adaptación do posto de traballo ou o paso a IT (baixa laboral ).

Esta guía de desescalada é trasladable a outros ámbitos, mais debe adaptarse en cada CCAA por ter competencias propias e logo nos centros de traballo segundo o tipo dos mesmos e características. Aínda así, o feito de que pulamos por uns ámbitos de negociación propios na Galiza e non só estatais foi unha das razóns polas que non o asinamos, pois limitaríanos ante calquera negociación autonómica ou de empresa. Ademais maioritariamente a nosa base social, delegados/as do sector, era contraria á sinatura deste protocolo nestes termos.

Desde a CIG-Ensino logramos cambios en aspectos formais (corrección de expresións sexistas no texto), propostas sanitarias, hixiénicas, sociais e organizativas que por suposto melloran e reforzan o protocolo, moitas delas aportadas polos delegados/as, pero non conseguimos que se implementasen avances nin melloras sobre o regulado por normativas estatais e autonómicas (seguen sen garantirse os test, non Epis para usuarios,...). Noutros temas como: permisos retribuídos por coidados obrigados para conciliar menores ou maiores a cargo, recoñecemento con compensacións ao teletraballo ou proporcionar medios, plus perigosidade e toxicidade, bonificacións aos Ertes, non as modificacións substanciais das condicións de traballo indiscriminadas, non permitir a recuperación das xornadas ou horas laborais do permiso retribuído da 2ª quincena sobrecargando o traballo logo do EA ( estado alarma), non as bolsas de horas durante o confinamento polas non traballadas,... non se recolleu nin unha soa mellora.

Como conclusión, o documento a pesar de ser completo e dos avances, ten dúas deficiencias graves: en primeiro lugar, que chega tarde para algunhas CCAA, Asociacións e/ou Federacións que xa fixeron as súas desescaladas e protocolos; e en segundo lugar, que ao final só consegue unha  boa recompilación e ordenación da normativa básica existente. O máis destacable sería a mellora que se acadou grazas á CIG-Ensino, que ten mesmo máis valor tendo en conta o ámbito de negociación tan desfavorable para nós.

Debemos reforzar e actuar no nivel autonómico, como sempre estamos a defender dende a CIG-Ensino, para lograrmos un ámbito de Relacións Laborais Galego, como única vía de dignificar as condicións laborais, salariais dos traballadores/as galegos/as. Á vista están que nas mesas estatais non hai negociacións reais.

Volver