Guía de desescalada do convenio estatal educación infantil 0-3: recomendacións para a reactivación da actividade presencial tras o Covid-19

Estamos diante doutro texto na liña dos acordados noutros sectores da ensinanza que só recompila o regulado e establecido na normativa actual, sen melloras nin avances.

A CIG-Ensino, aínda que comparte a práctica totalidade desta guía de desescalada, decidiu non asinala por non mellorar o estabelecido na normativa, tanto estatal como autonómica. Son recomendacións que se limitan a unha mera recompilación de toda a lexislación legal e que por enriba chegan tarde, mal e arrastro, pois xa hai proxectos de desescalada feitos ou moi avanzados tanto de CCAA (comezaran ou non coa actividade presencial) como de empresas que o fixeron pola súa conta. Este texto agora mesmo non é operativo, non recolle melloras ou avances demandados polas traballadoras/es coma ratios, Test, Epis, roupa... e dereitos laborais sobre todo nesta etapa.

Desde a CIG-Ensino acadamos cambios sobre o texto inicial en aspectos formais (corrección de expresións sexistas), propostas sanitarias, hixiénicas, sociais e organizativas que por suposto melloran e reforzan o protocolo, moitas delas aportadas polas delegadas/os, pero non conseguimos que se incorporaran avances nin melloras sobre o xa regulado e estabelecido como norma.

Das reivindicacións de dereitos laborais, non se recolleu nin unha soa mellora como permisos retribuídos por coidados obrigados para conciliar menores ou maiores a cargo, recoñecemento con compensacións ao teletraballo ou proporcionar medios, plus de perigosidade e toxicidade, bonificacións aos Erte, evitar as modificacións substanciais das condicións de traballo indiscriminadas, non permitir a recuperación das xornadas ou horas laborais do permiso retribuído da 2ª quincena sobrecargando o traballo logo do estado de alarma, non a recuperación de horas durante o confinamento polas “non traballadas”... A  CIG-Ensino foi única OO.SS que fixo estas reivindicacións que a patronal botou abaixo.

A única mellora sobre a normativa legal estabelecida, favorable á clase traballadora, foi a que acadou a CIG-Ensino no sector da discapacidade e logo na concertada, co apoio das demais OO.SS, consistente en que unha persoa traballadora vulnerable ou sensible ao Covid-19 (diabete, doenza cardiovascular, hipertensión, doenzas crónicas, cancros, inmunodeficiencias, mulleres grávidas, maiores de 60 anos…), non teña que incorporarse ao seu posto de traballo, gozando dunha dispensa, mentres non teña a resolución do Servizo de Prevención de Riscos Laborais que mandaría ou a súa incorporación, ou adaptación do posto de traballo (por exemplo con teletraballo) ou o paso a IT (baixa laboral).

Esta guía de desescalada é trasladable a outros ámbitos, mais debe adaptarse en cada CCAA por ter competencias propias e logo nos centros de traballo segundo o tipo dos mesmos e as súas características. Por todo isto loitamos por uns ámbitos de negociación propios na Galiza e non só estatais, e foi unha das razóns polas que tamén non o asinamos, pois limitaríanos ante calquera negociación autonómica ou de empresa.

Como sempre estamos a defender dende a CIG-Ensino un ámbito de Relacións Laborais Galego, como única vía de dignificar as condicións laborais, salariais dos traballadores/as galegos/as. Á vista está que nas mesas estatais non hai negociacións reais, impoñéndose as patronais ante a submisión constante das OO.SS estatais.

Volver