Grazas ao traballo da CIG Ensino a Consellaría aumenta, en máis de 200 as prazas para a adxudicación provisional do Concurso Xeral de Traslados

O número de prazas segue sendo insuficiente para rematar coa grande provisionalidade do profesorado galego

Desde a CIG Ensino congratulámonos de que tivese resultado o traballo desenvolvido en colaboración cos centros galegos de cara a descubrir todas as prazas que ano tras ano a Consellaría saca de forma provisional no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais, no lugar de sacalas de forma definitiva para o Concurso Xeral de Traslados. Porén estes resultados non son todo o bos que desexabamos.

Traballo desenvolvido en colaboración cos centros galegos

O incremento de prazas, aínda que insuficiente, non deixa de ser destacábel. Falamos de 44 prazas de primaria, maioritariamente de Pedagoxía Terapéutica e Audición e linguaxe, aínda que nós reclamabamos 256 prazas.

En secundaria (imaxe ao pé deste parágrafo) o aumento é máis numeroso, falamos de 186 prazas, pero tamén era maior o número que saía do noso estudo, no que descubriamos un colchón de 2.932 prazas en situación de provisionalidade e 123 centros nos que o desfase entre as prazas provisionais e vacantes do CXT é igual ou superior a 10 prazas.

Este desfase, moito maior en secundaria que en primaria, fai máis que evidente a necesidade duns cadros de persoal en secundaria, tal e como existen en primaria.

Desde a CIG Ensino temos clara que a solución á provisionalidade, así como un gran chanzo na mellora do sistema educativo galego, pasa pola recuperación dunha xornada lectiva de 18 sesións en secundaria, FP, EOI e ensinanzas de réxime especial e de 21 sesións en Infantil, Primaria e EE, no camiño de acadar os 18 períodos lectivos para todo o profesorado.

Con todo, desde a CIG Ensino seguimos a denunciar que as vacantes ofertadas non cobren as necesidades do sistema educativo galego e que son numerosas as resultas non cubertas pola administración, amortizacións encubertas e moitas delas só cun afán economicista e que inciden nos recortes de profesorado que vivimos na última década. O compromiso da CIG Ensino mantense firme na necesidade de detectar calquera erro ou irregularidade e conseguir claustros máis estábeis e profesorado que acade o seu destino definitivo canto antes. 

Podedes ver o estudo completo das vacantes provisionais por corpo e especialidades na seguinte ligazón

CIG Informa sobre os traballos da CIG-Ensino para conseguir o incremento de 200 prazas na adxudicación provisional do CXT

Documento


Volver