Gardas antes de comezo do horario lectivo

A CIG-Ensino denuncia e rexeita as artimañas que usa a Consellaría para procurar que o profesorado asuma responsabilidades que non lle corresponde realizar

Ante o correo electrónico remitido polo Secretario Xeral da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria  ás direccións dos centros educativos, o  pasado día 19 de novembro de 2010,  ao cal xuntaba un relatorio da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galiza en relación coa controversia sobre a obriga, por parte do profesorado, de realizar gardas antes do inicio do horario lectivo, a CIG-Ensino quere  denunciar e clarexar esta cuestión.

Ante o correo electrónico remitido polo Secretario Xeral da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria  ás direccións dos centros educativos, o pasado día 19 de novembro de 2010,  ao cal xuntaba un relatorio da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galiza en relación coa controversia sobre a obriga, por parte do profesorado, de realizar gardas antes do inicio do horario lectivo, a CIG-Ensino quere  denunciar e clarexar o seguinte:

O informe xurídico remitido aos centros polo Secretario Xeral, de data 17 de xaneiro de 2007, correspóndese cun conflito concreto xurdido no CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, polo que as súas consideracións non poden extrapolarse ao conxunto de centros educativos, nin moito menos ser consideradas como unha instrución ou circular de obrigado cumprimento para o profesorado.

A Consellaría pretende, dunha maneira trapalleira e ilegal, dar por válido e aplicábel  un informe da asesoría xurídica da Xunta, do ano 2007,  carente de rigor xurídico, sen ningún poder vinculante  e  sen previa negociación na Mesa Sectorial como é preceptivo, tal e como recolle o xulgado número dous  do contencioso  administrativo  de Santiago  na sentenza que a CIG-Ensino vén de gañar, en contra da actuación ilegal da Consellaría por impor a circular 5/2009  ás EOI, se previa negociación.

Supón un burla  ao profesorado que  a Consellaría envíe un informe xurídico baseado en sentenzas referidas a regulamentos orgánicos que son alleos e non aplicábeis en  Galiza, cando no  Regulamento  Orgánico dos centros de Infantil e Primaria (Decreto 347/ 1996) e na orde que o desenvolve, non se recolle entre as funcións que temos que realizar ningunha  relacionada con gardas  de alumnado desde a apertura do centro até  o horario de inicio das clases.

A Consellaría, xa no ano 2007, impúxolle  ao profesorado do CEIP de Ortigueira e CEIP Castelao de Ordes a  obriga de atender o alumnado no tempo que permanecía no centro antes de comezar as clases.  A Consellaría viuse obrigada a rectificar, despois da campaña levada a cabo pola CIG-Ensino e de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sentenciara a  favor dun  grupo de mestres do  CEIP Castelao, ao considerar que a realización da quenda  de garda en horario de 8.50 a 9.00 horas debía necesariamente recollerse na programación xeral anual. Como non era ese o caso, o Tribunal declarou que o profesorado non estaba obrigado a realizar a garda.

Estamos ante unha actuación máis na  liña desta Consellaría que pretende confundir, mediante diferentes artimañas,  e amedrentar o profesorado, co obxectivo  de que vaia  asumindo  novas responsabilidades, aínda  que non lle correspondan. Por iso, queremos alertar ao profesorado de que a verdadeira motivación deste correo non é outro  que a pretensión de ir preparando o camiño na procura de que asumamos novas funcións que nunca foron nin deberan ser cometidos propios do profesorado.

Podemos concluír que o profesorado non está obrigado a realizar gardas para a atención dos nenos e nenas á entrada e/ou á saída do centro escolar, ao non existir ningunha norma no dereito positivo que impoña tal deber. A única excepción a esta regra, segundo recoñeceu a sentenza no caso de CEIP Castelao de Ordes, é que tales gardas sexan expresamente reguladas na programación xeral anual de cada centro, en desenvolvemento do apartado 3.4 do Capítulo I da Orde do 22 de xullo de 1997. En tal caso, a realización desas gardas non pode supor ampliación do horario do profesorado e terían que ser consideradas como lectivas.

A CIG-Ensino non aceptará baixo ningún criterio ampliar as responsabilidades e as funcións do profesorado. Por iso, facemos un chamamento a  non dar credibilidade ao informe remitido polo Secretario Xeral e a non desenvolver o apartado 3.4 do capítulo I da orde do 22 de xullo do 1997 (Orde que desenvolve o ROC) no referente á regulación na Programación Xeral Anual das gardas anteriores á entrada na clase .

Volver