Garántese a extensión dos dereitos de reprodución asistida no réxime xeral e en MUFACE

CIG-ENSINO congratúlase do avance nas condicións de acceso á reprodución asistida para mulleres sen parella, lesbianas e transexuais tras a modificación da carteira de servizos comúns do sistema sanitario

Desde o pasado 10 de novembro xa é unha realidade que todas as mulleres, independentemente da súa condición sexual ou afectiva, teñen o mesmo dereito a acceder á reprodución humana asistida en pé de igualdade. Deste xeito repárase a eiva que viñan arrastrando aquelas mulleres sen parella, lesbianas e persoas transexuais que conserven a capacidade de xestar. Tras a modificación legal, e segundo información que MUFACE vén de trasladar ás organizacións sindicais, xa poden acceder á reprodución humana asistida sen que supoña obxección ningunha na súa condición de mutualistas, tanto se optaron pola opción da sanidade pública como se o fixeron pola privada. Así se reflicte na Orde SND/1215/2021, de 5 de novembro, que vén reparar a inxustiza que sufrían as pertencentes a algún dos colectivos anteriormente sinalados que até esta nova norma non podían acceder ás técnicas de reprodución humana. Esta modificación, que actualiza o anexo III do Real Decreto 1030/2006, de 15 de setembro, proporciona, ademais, seguridade xurídica e equidade a estas persoas xa que as inclúe expresamente.

A modificación da carteira de servizos comúns do sistema sanitario afecta tanto ás docentes do réxime xeral como a mutualistas de MUFACE

É importante lembrar tamén que aquelas mulleres que tivesen escollido a mutualidade concertada e que estean actualmente inmersas nun proceso de reprodución asistida teñen dereito a que estas llelo financien, posto que están obrigadas a facelo desde o mesmo momento en que a norma foi publicada, que foi xusto cando entrou en vigor, ou sexa, sempre e cando os seus tratamentos fosen prescritos a partir do 10 de novembro.

Volver