A CIG-Ensino entregou no Rexistro xeral da Xunta de Galiza as sinaturas de 356 coordinadores/as das Equipas de Normalización Lingüística dos centros públicos de ensino, reclamando o mantemento do Decreto de Normalización e uso do galego, así como medidas de protección e promoción activa do noso idioma. O secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que o noso idioma é “a lingua desfavorecida” e subliñou que a central “non está disposta a aceptar medidas que supoñan unha involución do galego”, especialmente cando os datos dos últimos estudos revelan que o uso da lingua propia da Galiza se atopa en continúa recesión.
A CIG-Ensino achega ao Presidente da Xunta de Galiza as resolucións de 356 Equipos de Normalización Lingüística de centros de ensino público.
Exiximos ao Presidente da Xunta o mantemento da actual lexislación e a protección e promoción activa do noso idioma
A CIG-Ensino entregou no Rexistro xeral da Xunta de Galiza as sinaturas de 356 coordinadores/as das Equipas de Normalización Lingüística dos centros públicos de ensino, reclamando o mantemento do Decreto de Normalización e uso do galego, así como medidas de protección e promoción activa do noso idioma. O secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou que o noso idioma é “a lingua desfavorecida” e subliñou que a central “non está disposta a aceptar medidas que supoñan unha involución do galego”, especialmente cando os datos dos últimos estudos revelan que o uso da lingua propia da Galiza se atopa en continúa recesión.
O secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que 356 Equipas de Normalización se sumaron ao texto presentado esta mañá no Rexistro da Xunta, a través do que se exixe á Xunta “que se manteña a lexislación vixente, que se cumpra e que se protexa e promocione o noso idioma activamente, como conclúen os estudos sociolingüísticos en vigor, que establecen con claridade que a única lingua desfavorecida en Galiza é a súa propia, o galego”.
Louzao rexeitou as pretensión anunciadas polo presidente da Xunta e o Conselleiro de Educación de derrogar o Decreto do galego no ensino, ao tempo que advertiu que a central “non está disposta a aceptar medidas que supoñan unha involución do galego”. Neste senso lembrou que os datos tirados dos últimos informes demostran que a nosa lingua continúa ser a lingua desfavorecida, que preto do 40% dos rapaces e rapazas falan menos galego que os seus avós e que nin sequera un tercio das aulas se imparten no noso idioma. “Con este panorama que se non diga que o galego se está a impor parécenos desafortunado e inaceptábel”, aseverou.
Segundo valorou o responsábel da CIG-Ensino, as sinaturas presentadas na Xunta supoñen un aval ao mantemento da actual lexislación, nomeadamente do Decreto 124/2007, que emana do establecido no Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento. “Só esiximos que manteña a actual lexislación, aínda que sexa cativa”, apuntou, “que se protexa e promova o uso do noso idioma, que se garanta que se impartan o 50% das aulas en galego e se garanta o dereito do alumnado a ter as mesmas competencias no noso idioma que en español”, cuestións estas, que, apuntou, se veñen incumprindo sistematicamente.
Louzao tamén pediu á administración galega unha defensa decidida do idioma propio da Galiza e que dispoña os medios e recursos precisos para garantir o cumprimento do Decreto de normalización do galego no ensino.
Anexamos o escrito rexistrado hoxe e dirixido ao Presidente da Xunta:
1. A situación lingüística de Galiza é unha situación de diglosia, tal e como teñen ditaminado todos os estudos científicos realizados para establecer a situación do galego. Isto quere dicir que a lingua propia de Galiza está nunha situación de inferioridade en canto ao seu uso e consideración respecto da lingua que é identificada como lingua de prestixio e poder, que no noso caso é o español. Esta conclusión científica non foi rebatida, porque, evidentemente, non foi superada.
2. Todas as normas coas que Europa se ten dotado sobre a situación das linguas desfavorecidas nos seus territorios propios, establecen que deben ser promovidas e potenciadas co obxecto de modificar a súa consideración social e incrementar o seu uso para convertelas en linguas plenamente vivas e garantir o seu futuro e pervivencia ao promover o seu emprego entre as xeracións máis novas.
3. O Consello de Europa ten ditaminado a importancia de manter e cumprir a lexislación actual da lingua galega, a saber: Lei de Normalización Lingüística, Plan Xeral de Normalización e Decreto 124/07. Ao mesmo tempo recomendoulle á Administración educativa que puxese os mecanismos necesarios para cumprir esa lexislación e que ampliase o uso do noso idioma no ensino para garantir o cumprimento do PXNL en todos os ámbitos.
4. De todo o anterior dedúcese que, non só cumpre manter e cumprir a lexislación en vigor sobre o uso da nosa lingua propia, senón que mesmo cumpriría ampliar esa normativa para que fose máis garantista na protección do galego. Por este motivo non podemos entender, nin aceptar, que o presidente de todas as galegas e galegos, anuncie reiteradamente que derrogará o Decreto 124, explicitando que non o fai para mellorar a súa aplicación e incremento, senón para que haxa nenos e nenas que, porque o decidan seus pais, non teñan acceso á mesma formación en galego có resto do alumnado. Por outro lado, debemos ter en conta que ese Decreto non é máis que a concreción no ensino do PXNL, aprobado por unanimidade no Parlamento, e que contou co voto favorábel do novo presidente da Xunta.
5. Unha medida dese tipo sería contraria non só ás conclusións científicas senón que significaría unha involución inaceptábel que nos conduciría á extinción do noso idioma. Unha medida regresiva que desfaría todo o traballo realizado con esforzo e voluntarismo polo profesorado galego durante anos e anos e que podería dar lugar á discriminación do alumnado por razón de lingua.
Por todas estas consideracións reclamamos que se manteña a lexislación vixente, que se cumpra e que se protexa e promocione o noso idioma activamente, como conclúen os estudos sociolingüísticos en vigor, que establecen con claridade que a única lingua desfavorecida en Galiza é a súa propia, o galego.