Escurantismo e tendencia a un incremento importante dos recortes no ensino público: así actúa a Consellaría de Educación

A escasos días de que se produza a adxudicación de destinos provisionais, Educación limita a información sobre supresións de profesorado e peche de aulas e a pouca que se coñece apunta na única dirección que coñece a Xunta: reducir postos de traballo

O venres 21 están previstas dúas reunión das xuntas de persoal nas Xefaturas Territoriais de Pontevedra e Lugo para “negociar” as vacantes do corpo de mestres para seren cubertas con destinos provisionais no curso 2023/24 e, por tanto, adxudicadas o día 26 de xullo na resolución provisional e a comezos de agosto con carácter definitivo. A reunión de Ourense tivo lugar onte,19 de xullo. Na provincia da Coruña a xefatura de Inspección comunicou que non convocará reunión e que se limitará a remitir as vacantes ás organizacións sindicais o venres 21 para que remitamos as achegas que consideremos.

Da información coa que conta a CIG-Ensino neste momento cabe salientar a consolidación da tendencia ao recorte de postos de traballo por redución de unidades un ano máis: a redución de 11 postos de mestres e mestras na provincia de Ourense (máis do dobre que o curso pasado) afecta a concellos como Allariz, Arnoia, Barbadás, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín ou Xinzo mentres a Consellaría pretende ampliar os concertos educativos no CPR Miraflores do concello do Pereiro de Aguiar.

O balance dos recortes na provincia de Ourense desde a chegada de Feijóo á Xunta no ano 2009, xunto co tempo que Rueda leva no cargo, non admite dúbida sobre a política de desgaste e recortes no ensino público: pecharon 117 aulas, a maioría de Primaria mais tamén moitas de Infantil e unha delas de Educación Especial. Nese tempo pecharon por completo un total de 11 centros educativos.

Os datos de Pontevedra e A Coruña, onde polo elevado número de centros e profesorado os recortes son numericamente máis elevados seguen ocultos neste momento mais polo que imos coñecendo do que nos informan dalgúns centros a dinámica vai ser a mesma.

En Lugo, onde xa se remitiron as vacantes por parte da Inspección, representantes sindicais da CIG-Ensino participaron na convocatoria de protesta das familias do Incio apoiada por FAPACEL (Federación de Anpas da provincia de Lugo) e xa se coñece que haberá máis supresións, como no caso de Castro de Ribeiras de Lea.

Na concentración, convocada por FAPACEL e apoiada pola CIG-Ensino, participaron as comunidades educativas do CEIP Ricardo Gasset (Incio), CEIP Proba do Brollón e CEIP Rosalía de Castro (Bóveda).

A imporvisación e os recortes chegan a tal punto que a día de hoxe no CEIP de Proba do Brollón non teñen constancia de se van ter profesorado de Audición e Linguaxe ou Pedagoxía Terapéutica, mentres no caso do Incio inspección só valora enviar, no mellor dos casos, persoal de Pedagoxía Terapéutica a media xornada, cando as necesidades son iguais o maiores que as do ano pasado.

Na Coruña vanse coñecendo datos da intención de suprimir postos de traballo en Cambre (CEIP Wenceslao Fedz. Flores), Carballo (CEIP San Luis Romero), Miño (CPI Castro Baxoi), Muxía (CEIP Os Muíños), Narón (CEIP A Gándara), Sada (CEIP Barrié de la Maza), Santiago de Compostela (CEIP Raíña Fabiola e CEIP Lamas de Abade), Santa Comba (CEIP Pepe Xan Baña) e Teo (CEIP Os Tilos e CEIP A Ramallosa). En Pontevedra de momento sabemos que se pretende suprimir profesorado en Cangas (CEIP San Roque de Darbo).

A atención á diversidade, no punto de mira

Segundo información á que tivo acceso o sindicato prevese unha maior redución de profesorado especialista na atención a alumnado con necesidades de apoio educativo. Só na provincia de Lugo podería haber unha ducia de docentes menos de Pedagoxía Terapéutica (PT) e esa parece ser a consigna dos máximos dirixentes da Consellaría, segundo fontes internas da propia estrutura da administración ás que tivo acceso o sindicato. Para a CIG-Ensino desatender as demandas dos centros nas necesidades de apoio é un ataque á equidade educativa e ao alumnado con máis problemas no día a día e denunciaremos todas e cada unha das carencias que se presenten tanto agora, coa previsíbel redución de prazas, como en setembro, cando o comezo das actividades lectivas desvele con maior crueza os efectos da política de deterioro do ensino público do PP na Xunta.

Imposición, non negociación

Todo isto marca unha tendencia que os cargos políticos do PP en Educación ocultan intencionadamente: incremento de supresión e de peche de aulas, redución de profesorado (especialmente na atención á diversidade).

Isto, unido a medidas como o uso de fondos europeos para pagar salarios indica con certeza unha liña política de maiores recortes que denunciamos e combateremos.

A CIG-Ensino denuncia a ausencia dunha efectiva negociación sobre as prazas que serán necesarias e sobre os posíbeis recortes. A demanda do sindicato fundaméntase nos seguintes feitos:

  • Non se pode considerar negociación dispoñer de información con tan só un día laboral de antelación á adxudicación provisional (lembremos que o 25, día da Patria, é feriado e que a adxudicación será o día 26, polo que se fai imposíbel contrastar cos centros para coñecer as súas propostas.
  • É unha falta de respecto ao profesorado que neste momento a súa representación sindical non teña coñecemento das unidades que se pechan e do total de postos de traballo afectados.
  • Non existe un control por parte da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do traballo que se fai nas Xefaturas Territoriais e volvemos á vella dinámica de provincias que achegan máis información que outras: todas están obrigadas a contrastar coas xuntas de persoal as propostas que fan de prazas e non se pode aceptar que non se celebren reunións ou que a información sexa incompleta.
  • Non existe ningún tipo de información de prazas de secundaria e isto non é unha novidade: forma parte da decisión da Consellaría de que só se nos ofreza información de prazas de centros de Infantil de Primaria. Isto aumenta aínda máis o escurantismo da administración educativa.

Pódese acceder ás vacantes dadas a coñecer de momento nestas ligazóns.

 Iremos publicando o resto das vacantes segundo as vaiamos obtendo.

Todas as achegas que se consideren a esta proposta (por recortes, por non atender demandas dos centros…) poden enviarse a través do seguinte formulario

Volver