Escolas Infantís de 0-3: que ninguén cobre menos do Salario Mínimo

Con este obxectivo a CIG segue dando pasos adiante, como xa anunciara, e presentou papeleta de conciliación en materia de conflito colectivo, nunha decisión que implica un paso previo legal á demanda na Audiencia Nacional

A CIG presentou diante do SIMA papeleta de conciliación do convenio de ámbito estatal de educación infantil no cal as persoas traballadoras perciben contías salariais inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI) do 2020. Mediante a súa interposición pretende que o colectivo de persoal afectado perciba, no seu conxunto e no cómputo anual, unha cifra salarial igual ou superior ao SMI.

As categorías de educador ou educadora infantil, auxiliar de apoio e todo o persoal de administración e servizos perciben retribucións inferiores ás legais desde o 1 de xaneiro de 2020, ao non actualizar os seus salarios conforme ao SMI.

Do mesmo xeito a CIG defende tamén que o plus salarial do complemento de desenrolo e perfeccionamento profesional (CPP) non é absorbíbel nin compensable ao estar pactado coma tal no artigo 59 do actual convenio colectivo en vigor. 

A CIG formulou o pasado 29 de outubro ante a comisión paritaria o axuste ao alza das retribucións inferiores para equiparalas ao SMI sen obter resposta de dito órgano.

Así mesmo os pasado día 13 e 30 de novembro reuniuse a comisión negociadora para tratar sobre a adecuación das táboas salariais ao SMI, non alcanzando acordo ningún.

O dialogo Social é inútil e unha fraude

Ao mesmo tempo, recordamos que CCOO e UGT na sinatura do IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva establecían un salario mínimo de convenio de 1000 euros, o que motivou que desenvolveran campañas baixo o lema 'Ponte a 1000'.

Na práctica, non só non nos puxeron o salario a 1000 euros mensuais, senón que manteñen a precariedade e a pobreza laboral grazas as reformas laborais do PSOE e do PP dos anos 2010 e 2012 que seguen sen derrogarse. E  seguen dando prevalencia ao marco estatal de negociación colectiva en detrimento do Galego e provincial, afastando das escolas a negociación colectiva. Convenios estatais negociados polas cúpulas sindicais de costas as persoas traballadoras e mantendo os salarios de miseria no conxunto da clase traballadora.

Elevar o SMI até os 1.150 euros

Dende a CIG consideramos necesario que se incremente o SMI, atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que tería que ser, cando menos, o 60% do salario medio, que está en 1.917€ segundo o INE, o que o situaría nos 1.150€.

É lamentábel que o incremento do SMI se sitúe novamente no Diálogo Social, cando o que temos é que aplicar dunha forma clara e inequívoca o que establece a lexislación, o que establece a Carta Social Europea. Nos Orzamentos Xerais da Estado xa se contemplaba a conxelación do SMI e que aqueles que están no diálogo social, UGT e CCOO, fortalecen coa súa presenza nel a política de empobrecemento da clase traballadora por parte do goberno do Estado.

 

Escolas Infantís de 0-3: que ninguén cobre menos do Salario Mínimo

Documento


Volver