Entrevista da CIG-Ensino coa Conselleira de Educación

A CIG-Ensino expón as súas demandas

Na entrevista mantida hoxe polo Secretario Nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e os membros da Executiva, Marta Dacosta e Xosé Luís Rivera, coa Conselleira de Educación e o Secretario Xeral da Consellaría, presentáronse algunhas das demandas máis urxentes do profesorado.






Entrevista da CIG-Ensino coa Conselleira de Educación

Desde a CIG-Ensino trasladámoslle en primeiro lugar a necesidade de que se constitúa inmediatamente a Mesa Sectorial Docente de Ensino non universitario de acordo cos resultados das últimas eleccións sindicais, celebradas xa hai dous anos. Tamén reclamamos que se potencie e reforce a negociación deste órgano fixando un calendario de temas a negociar este curso escolar. A Conselleira manifestou que posibelmente a semana que vén convocarase a Mesa Sectorial e farase efectiva a nova constitución, ademais estableceranse os temas a negociar neste primeiro trimestre do curso. Tamén manifestamos a experiencia negativa do curso anterior, pois a falta de negociación supuxo diferente conflitividade que aínda hoxe está sen resolver.
 
A CIG-Ensino expuxo a problemática xerada neste inicio de curso polo recorte que a Consellaría aplicou á dotación de persoal nos centros, de onde resultou que os centros non contan co profesorado necesario para abranguer todas as súas necesidades, que as rateos por aula son elevadas, que un importante número de interinos e substitutos quedaron sen emprego ou que se ofertaron prazas con perfís inaxeitados.
 
A CIG-Ensino, unha vez máis, insistiu na situación que se está a producir por non ter publicado o Currículo de Infantil, que xa pasou todos os trámites necesarios. Tamén insistimos novamente na necesidade de que se diten instrucións aclaratorias sobre a aplicación do Acordo de itinerantes, especialmente respecto do dereito á redución horaria e á percepción da quilometraxe, demanda que aceptaron e así proximamente faranse públicas unhas instrucións.
 
Desde a CIG-Ensino propuxemos como temas prioritarios para a negociación neste curso 2008-2009, a negociación dun acordo de estabilidade para o profesorado interino, a redución horaria para maiores de 55 anos, un acordo que mellore a xubilación anticipada, as retribucións do profesorado ou a realización das revisións médicas ás que ten dereito o profesorado. Non foron receptivos á negociación destes temas, o argumento foi a actual situación económica. En todo caso, respecto das retribucións, comprometéronse a realizar un estudo da situación das retribucións do profesorado galego a partir de xaneiro.
 
Tamén reclamamos a creación dunha Subdirección Xeral de Normalización que coordine todo o relativo coa normalización lingüística, así como o incremento e a mellora da formación do profesorado en materia lingüística e o total cumprimento do Decreto e a súa avaliación. A Conselleira recoñeceu que aínda hai que mellorar moitas cousas, mais fixo fincapé nos contactos realizados coas editoriais para contar con materiais en galego.
 
Por outro lado, propuxemos a negociación dunha serie de temas con incidencia na mellora da calidade do ensino, como: a dotación de persoal administrativo e coidadores, redución das rateos, recollendo en primeiro lugar que se compute o alumnado repetidor, incremento dos cadros de profesorado para atender as necesidades educativas especiais e a atención á diversidade, negociación duns Regulamentos Orgánicos que recollan toda a tipoloxía de centros, potenciación do portugués como materia optativa, ampliación da orientación escolar e dos equipos específicos, redución dos concertos cos centros privados e anulación dos concertos cos centros que segregan o alumnado por sexos, reforzamento e ampliación da orientación escolar e eliminación da simboloxía franquista. Ante a nosa demanda a Conselleira manifestou que van proceder á renovación progresiva dos nomes dos centros. Tamén recoñeceron a necesidade de dotar de administrativos os centros, aínda que non van abordar este tema no que queda de lexislatura. Respecto dos Regulamentos de funcionamento dos centros, comprometéronse a negocialos durante este curso, comezando polo de Infantil e Primaria. Respecto dos centros que segregan o alumnado por sexo, contra o que a CIG-Ensino ten presentado un recurso, manifestaron que de cara ao vindeiro curso serán moi esixentes cos requisitos de matriculación dos centros que deberán ter carácter público e non permitirán que se matricule o alumnado en función do seu sexo.
 
A CIG-Ensino tamén amosamos a nosa preocupación polo inxustificado incumprimento do acordo de goberno en temas de tanta relevancia como a aplicación do 6% do PIB para Educación, a elaboración dun Plano contra o fracaso escolar, a redución das rateos en Infantil, a negociación do Estatuto do profesorado galego, a elaboración dun plan de apoio ao coñecemento de galego dirixido aos inmigrantes, ou a Lei de Universidades. A Conselleira respondeu que non se iniciarán as negociacións do Estatuto do profesorado até que non estean finalizada a negociación a nivel de Estado e que da Lei de Universidades contan cun borrador moi adiantado mais que non vai entrar no trámite parlamentario.
 
Finalmente a CIG-Ensino trasladou a necesidade de negociar unha Lei do sistema educativo galego, e chamou a atención sobre os problemas de transporte que está habendo nos centros, do que tomaron nota.

Volver