Entregadas preto de 16.000 sinaturas en apoio da ILP para a restauración do texto fidedigno do himno galego

A campaña, na que participou a CIG-Ensino, conseguiu recabar 15.857 apoios, unha cifra moi superior ás 10.000 sinaturas necesarias para a súa tramitación parlamentaria.

Esta mañá unha representación da comisión promotora da proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular “para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión” presentou no rexistro do Parlamento as preto de 16.000 sinaturas que apoian esta demanda, dous meses antes de que rematara a campaña emprendida por Vía Galega e Galiza Cultura e que contou coa participación da CIG-Ensino.

Como voceiro da comisión promotora desta ILP exerceu Anxo Louzao, ex secretario nacional da CIG-Ensino, quen agradeceu a participación activa das 30 persoas que a conforman, mais tamén a de cada unha das persoas asinantes e das entidades e organizacións que se implicaron na recollida de sinaturas “para facer factíbel que se vaia debater no Parlamento”. En concreto, fixo unha especial mención ao profesor, Manuel Ferreiro, “artífice da monumental investigación que guiou esta iniciativa e que evidenciou a necesidade de restaurar o texto real do noso himno”.

Xunto a isto valorou moi positivamente que deputacións e concellos, mediante declaracións institucionais ou aprobación de mocións mostrasen o seu apoio a esta ILP. "Agora, ten a palabra  o  Parlamento, que ten a potestade de trasladar á Lei de Símbolos de Galiza a letra fidedigna do poema de Eduardo Pondal", indicou, á vez que considerou “inxustificábel” que 38 anos despois de ser promulgada esta norma, de diferentes iniciativas parlamentares e “das concluíntes investigacións do profesor Ferreiro, o noso himno continúe coa letra deturpada.

O portavoz de Vía Galega manifestou que “cómpre, por tanto, que se abandone o desleixo e a desconsideración cos nosos sinais de identidade, e que, por fin, o Parlamento aprobe esta ILP e que o goberno galego asuma divulgar e popularizar o noso himno completo co texto restaurado e fidedigno”.

Restauración do texto do himno

Foi o propio Manuel Ferreiro quen explicou que esta ILP foi presentada “por razóns de xustiza histórica e de reparación da verdade e lembrou que o noso himno foi difundido inicialmente na Habana. "Pola intervención de factores externos, -entre os que mencionou aos linotipistas da prensa cubana, que non coñecían a nosa lingua-, o texto apareceu con erros que se foron transmitindo” e dos que, dixo, "os lexisladores en 1984 non foron conscientes mais agora, con todos os elementos históricos na nosa man é preciso restaurar o texto verdadeiro, porque o que aparece na Lei de Símbolos de Galiza non é o que Pondal escribiu e publicou”. 

A ese respecto fixo referencia aos diversos documentos que así o constatan, como a versión orixinal de 1890; un recorte que fixo Pondal onde non realizou correccións no texto; as versións manuscritas previas e mesmo unha carta do propio Pondal, de 1913, “onde lle di a Fontenla Leal, que foi o grande difusor do himno na Habana, que este ten moitos erros e que hai que corrixilos”, explicou.

En concreto, subliñou que “se Pondal puxo ‘férridos’, "non se pode manter ‘féridos’, que é unha palabra que non existe, e se Pondal puxo ‘ignorantes’, non se debe incluír un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como “iñorantes”, do mesmo xeito que o acontecido coas palabras "sós ou clan”, entre outras". Cuestións que, concluíu, que “sen seren transcendentais”, convidou a corrixir "por seren unha cuestión de dignidade colectiva, porque ningún país normal pode consentir que o seu himno, a expresión cantada da nación que nos une e que nos identifica para dentro e para fóra, non teña o texto correcto”.

Numerosos intentos antes de chegar aquí

Foi a profesora da UDC e ex parlamentaria, Pilar García Negro, quen deu conta das numerosas iniciativas presentadas antes de se chegar a esta ILP. Iniciativas que ela mesma promoveu e defendeu, mais que non se chegaron a efectivizar, e que seguiron un periplo que se recolle no seu libro "Himno Galego. Unha historia parlamentar inconclusa".

García Negro incidiu ademais no feito de que o Parlamento é a sede da soberanía do pobo e que ten a obriga de restaurar o himno, unha vez que se demostrou que a letra orixinal é esta. Nese sentido apelou ao conxunto de representantes no hemiciclo porque, lembrou, o único que falta é a vontade política necesaria para se corrixa. 

Volver