Non imos aceptar ningún paso atrás en materia de prestacións sociais e do carácter público destes servizos. Por iso, facemos entrega de 5546 sinaturas en defensa do mantemento dos postos de traballo, do carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de realización inmediata das oposicións que están paralizadas como consecuencia das eleccións galegas.
Entrega de sinaturas na defensa do carácter público e do mantemento dos postos de traballo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Escrito entregado coas sinaturas
Sra. Conselleira de Traballo e Benestar: Debe saber que consideramos inaceptábeis as declaracións feitas no seu día polo Sr. Núñez Feijoo en relación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cualificándoo de “modelo pouco eficiente e moi caro, no que se gasta máis en burocracia que en asistencia”. Estas declaracións só poden ser entendidas desde unha perspectiva privatizadora. Antes da existencia deste servizo, Galiza estaba á cola do Estado en cobertura de servizos sociais e prestacións aos colectivos máis desfavorecidos da sociedade. Un total de 85 Galescolas con 631 traballadores/as, 37 Centros de Día con 290 traballadores/as, 19 oficinas de I+B con 108 traballadores/as, 7 centros Quérote con 17 traballadores/as, 2 centros de emerxencia de mulleres vítimas de xénero con 9 traballadores/as e 55 traballadores/as pertencentes aos organismos de xestión, dan boa conta do servizo prestado á sociedade por estes/as traballadores/as, cos custos mínimos indispensábeis para os aspectos administrativos. Non imos aceptar ningún paso atrás en materia de prestacións sociais e do carácter público destes servizos. Por iso, facemos entrega de 5546 sinaturas en defensa do mantemento dos postos de traballo, do carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de realización inmediata das oposicións que están paralizadas como consecuencia das eleccións galegas. En consecuencia, agardamos que se tomen en consideración a opinión dos asinantes do escrito que se achega e que se nos conceda, coa maior brevidade posíbel, a entrevista que temos solicitada.
Texto do Manifesto EN DEFENSA DO MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO E DO CARÁCTER PÚBLICO DO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR
Diante das declaracións e valoración do Sr. Núñez Feijoo, nas que afirmaba que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar “é un modelo pouco eficiente e moi caro, no que se gasta máis en burocracia que en asistencia”. Queremos manifestar o seguinte:
1º É preocupante que nas declaracións feitas se cuestione o labor desempeñado polo Consorcio coa pretensión de reducir este servizo e privatizalo. En todo caso, o Sr. Feijoo debe saber que non permitiremos que se poñan en perigo os postos de traballo de todo o persoal que, con esforzo e dedicación, está desempeñando un labor fundamental para que os/as galegos/as gocen de servizos e prestacións sociais básicas.
2º Soamente desde o descoñecemento máis absoluto ou na pretensión de buscar argumentos, aínda que sexan falsos, para privatizar este servizo, se pode afirmar que se gasta máis en burocracia que en asistencia. Hoxe están a funcionar 85 Galescolas cun total de 631 traballadores/as; 37 Centros de Día co 290 traballadores/as; 19 oficinas de I+B con 108 traballadores/as; 7 centros Quérote con 17 traballadores/as; 2 centros de emerxencia de mulleres vítimas de violencia de xénero con 9 traballadores/as e soamente 55 traballadores/as pertencen aos organismos de xestión (servizos centrais). En conclusión, é falso que se gaste máis en “burocracia” e, de calquera xeito, o que se gasta necesítase precisamente para axilizar un servizo que non pode agardar a que se demoren os trámites indefinidamente.
3º Antes da existencia do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, Galiza estaba á cola do Estado en cobertura de servizos sociais e das prestacións que recibían os colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade. Hoxe estamos, grazas a esta rede pública dentro dos índices máis elevados de atención nestes servizos. Isto tería que facer recapacitar ao PP, pois do que se trata nesta materia é de sumar e mellorar o que hai e non desmantelar un organismo que integrou esforzos de todos os signos políticos e ámbitos de actuación para lograr o obxectivo de incrementar os niveis de benestar do noso pobo.
4º Na actual conxuntura de grave crise económica como produto da aplicación de receitas neoliberais, son precisamente os usuarios dos servizos que presta o Consorcio o colectivo que merece maior atención porque como sectores sociais máis desfavorecidos socialmente van ser os que sufran de xeito máis duro as consecuencias desta situación. Non podemos permitir que se pretenda destruír emprego e desmantelar servizos como medidas contra a crise.
5º A rede de equipamentos creada coa cooperación efectiva das diferentes institucións (o 49 % da representación no Consorcio son concellos) permitiu dotar dun servizo público de servizos sociais aos galegos e galegas, no que están a traballar 1230 traballadores para que 120 Concellos perciban estes servizos. Cuestionar este labor, só se pode entender se se pretende rescindir estes servizos ou privatizalos. Hai que ter en conta que, ademais de deixar de atender á poboación necesitada, tamén suporía unha perda de postos de traballo das persoas que desempeñan este labor.
6º Baixo ningún concepto imos aceptar un paso atrás en materia de prestacións sociais e do carácter público destes servizos. Calquera recorte destes dereitos contará co noso rexeitamento e entendemos que da maioría da sociedade galega. Lembremos que o Consorcio acolle e integra 267 Concellos de diferentes signos políticos, incluído do propio PP, cuxo obxectivo é incrementar os servizos sociais do país.
Reclamamos que se realice inmediatamente os procesos selectivos tal como estaba previsto co obxecto de transformar os postos de traballo temporais en fixos, máxime cando o persoal que está desempeñando este traballo xa superou, no seu día, un proceso selectivo para acceder ao seu posto de traballo.
Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que liches e aceptas a información presentada e pechar este cadro.