Entrega de sinaturas e concentración en defensa doutro bacharelato

Primeira entrega de sinaturas

A CIG-Ensino levou a cabo unha concentración o 21 de maio, ás 12:00, diante da Consellaría de Educación, e entregou máis de 2625 sinaturas do profesorado, reclamando un novo Decreto de Bacharelato
A CIG-Ensino levou a cabo unha concentración, hoxe, 21 de maio, ás 12:00, diante da Consellaría de Educación, e entregou máis de 2625 sinaturas do profesorado, reclamando un novo Decreto de Bacharelato
 
Continuando coas mobilizacións que, desde o 24 de abril, a CIG-Ensino, xunto co profesorado afectado, está desenvolvendo para conseguir que a Consellaría mude de actitude para conseguir un Bacharelato de maior calidade, máis laico e compensado que incremente nunha hora a carga lectiva prevista para Filosofía e Historia e reforce as materias de Tecnoloxía e Música, levou a cabo unha concentración, diante da Consellaría de Educación, que contou coa participación do alumnado da facultade de Filosofía.
 
Neste acto, unha delegación da CIG-Ensino encabezada polo Secretario Nacional, Anxo Louzao, fixo entrega de 2625 sinaturas coas propostas e reivindicacións polas que nos estamos mobilizando acompañadas dos escrito, que vos achegamos, solicitando á Consellaría o inicio de negociacións. Así mesmo, tamén o profesorado de filosofía e de tecnoloxía fixo entrega das súas sinaturas avalando as súas reivindicacións específicas.
 
A continuación reproducimos o escrito entregado solicitando a entrevista mais o texto que asinou o profesorado:
Santiago, a 21 de maio de 2008.
 
Sra. Conselleira de Educación e O.U.:
 
 
Vai para un mes que o profesorado afectado polo proxecto de Decreto de Bacharelato se está mobilizando co obxecto de que se abran canles de negociación para a consecución dun Bacharelato máis laico, compensado e de calidade.
 
Resulta inaceptábel que maila as masivas, importantes mobilizacións e o sentir maioritario do profesorado, amosado na folga do 29 de abril, non tivera a ben, nin sequera, recibirnos.
 
Agora, vimos de entregar 2625 sinaturas, reclamando que o novo Decreto polo que se estabelece a ordenación e o currículo de Bacharelato recolla unha serie de reivindicacións, que achegamos, e que sen lugar a dúbidas mellora notabelmente a calidade do futuro Bacharelato galego.
 
En consecuencia, agardamos que mude de posición para telas en consideración e nos reciba proximamente.
 
 
Reciba un cordial saúdo
 
Anxo Louzao Rodríguez.
Secretario Nacional da CIG-Ensino.
 
 
SRA. CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA. XUNTA DE GALICIA. SANTIAGO
Por outro Decreto para o Bacharelato
 
O profesorado abaixo asinante, ante a proposta de Anteproxecto de Decreto polo que se estabelece a ordenación e o currículo de Bacharelato, presentada pola Consellaría de Educación, quere manifestar o seguinte:
 
  • A total desconformidade coa negativa da Consellaría a negociar e abrir vías de participación e diálogo para que a futura ordenación e currículo de Bacharelato acade o maior consenso posíbel.
  • Reclamar o incremento dunha hora na carga lectiva prevista das materias de Filosofía e Cidadanía (3 horas), Educación Física (2 horas) e Historia (4 horas) mantendo a distribución horaria que ten na actualidade; do contrario privaríase ao alumnado dunha formación axeitada, impediríase o desenvolvemento do currículo, non se podería abordar o ensino desde unha perspectiva galega e comportaría graves prexuízos para a calidade do ensino e para as condicións laborais do profesorado.
  • Exiximos un ensino laico, polo tanto que a materia de relixión non forme parte do currículo. En todo caso, requirimos que estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros. (Deste xeito, todo o alumnado tería 32 horas lectivas en 1º e 2º, agás o que opte por recibir relixión que o vería incrementado en 2 horas, pero á marxe do horario ordinario do centro).
  • Reclamamos que todos os centros que dispensen ensinanzas de Bacharelato deben impartir, como mínimo, dúas modalidade e garantir que o alumnado poida cursar calquera materia propia da súa modalidade. Así mesmo, débese ampliar a oferta da modalidade de Artes a un número maior de centros.
  • Todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía terán que ofertar todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II.
  • Todos os centros ofertarán como optativa Música, tanto en primeiro curso como en segundo, podendo ser cursada nos dous cursos polo alumno/a. Así mesmo, deben incluírse como optativas de oferta obrigatoria nos centros as materias de Historia e Xeografía de Galiza, Literaturas Hispánicas, Literatura galega do século XX, Filosofía da Ciencia e Tecnoloxía, Historia da Música e unha materia optativa vinculada á Educación Física.
  • Reclamamos a dotación suficiente de profesorado en todos os centros para que o alumnado que non ten que repetir curso completo, non comporte incrementar o número de alumnado por aula que, para nós, non debe exceder de 25 alumnos/as.
 
En consecuencia, exiximos que se abra unha vía de negociación e diálogo para que as nosas propostas sexan tidas en conta, do contrario veriámonos obrigados a continuar coas mobilizacións. 

Para ver as imaxes premer nesta ligazón
 

Volver