Entra en vigor, parcialmente, a modificación das normas para as baixas médicas

A medida só afectará de momento a quen pertence ao réxime xeral da seguridade social e non sexa mutualista de MUFACE e obriga a seguir cos trámites a través de “datos persoais”

A partir do 1 de abril entra en vigor o cambio nas normas para a tramitación das baixas médicas na que deberían deixar de comunicarse os parte de baixa, confirmación ou alta por parte das persoas en incapacidade transitoria (IT).

A Consellaría de Educación vén de comunicar que o cambio só afecta ao persoal que pertence ao réxime xeral da seguridade social e que non é  mutualista de MUFACE. Tamén obriga a seguir usando a web de “datos persoais”. No caso do ensino público isto implica que o cambio só será efectivo para o profesorado interino, o profesorado de relixión e un número moi reducido de docentes que están a extinguir logo da súa integración, hai xa moitos anos, provenientes das antigas universidades laborais e casos similares. 

A comunicación da Consellaría implica que os cambios que se nos anunciaron na última Mesa Sectorial, para unha xestión integral por parte do CIXTEC para todo o persoal da Xunta vinculado á seguridade social, non están aínda listos.

Como queda a tramitación das baixas por IT a partir do 1 de abril? 

Os cambios, mínimos polo retraso na xestión da Xunta, terán un carácter transitorio para unha boa parte do profesorado.

A QUEN LLE AFECTA XA O CAMBIO?

Persoal vinculado ao réxime xeral da Seguridade Social (profesorado interino e outros): deberá comunicar a IT e a previsíbel duración desta co mesmo sistema actual de datos persoais (www.edu.xunta.gal/datospersoais), lapela Comunicación de incapacidade temporal mais sen que sexa preciso que se suba ningún parte médico (baixa, confirmación ou alta).

A Consellaría anunciou na Mesa Sectorial que a Xunta está a xestionar un cambio que de momento non teñen listo para que xa non se teña que facer ningún trámite e sexa a propia administración autonómica (a través do CIXTEC, a entidade que xestiona as nosas nóminas) a que se encargue de todo. Segundo información da Consellaría, non poden aínda indicar en que prazo estará listo este procedemento.

A QUEN NON LLE AFECTA DE MOMENTO MAIS ESTÁ PREVISTO QUE HAXA CAMBIOS EN BREVE?

Persoal do sistema mixto: funcionariado de carreira desde 2011 (mutualista obrigatorio de MUFACE que pertence ao réxime xeral da seguridade social a efectos de xubilación): non hai cambios de momento e debe achegar adxunto o parte médico en datos persoais.

Persoal mutualista de MUFACE con prestación sanitaria do SERGAS: non hai cambios de momento e debe achegar o parte médico adxunto en datos persoais.

Para estes dous colectivos está previsto que se aplique o mesmo sistema de xestión directa a través do CIXTEC evitando, deste xeito, que as persoas que collan ou confirmen unha baixa ou sexan dadas de alta teñan que facer nada.

A QUEN NON ESTÁ PREVISTO QUE LLE AFECTE?

Persoal mutualista de MUFACE con prestación sanitaria privada: nin hai cambios nin se prevén a curto ou medio prazo e o feito de que o parte médico sexa expedido por unha entidade privada impide que exista unha comunicación directa como se producirá entre o SERGAS e a Xunta.

COMO SERÁ A XESTIÓN DAS BAIXAS CANDO A XUNTA REMATE OS SEUS TRABALLOS?

Este é o procedemento anunciado pola Consellaría de Educación e que está pendente de aprobación para aplicarllo a todo o persoal da Xunta de Galiza. A CIG-Ensino considera que este retraso ten difícil xustificación por parte da Xunta ao se coñecer xa as necesidades de cambio desde hai meses.

 

Este é o sistema previsto:

  • O SERGAS emitirá unha información da baixa, confirmación ou alta ao CIXTEC. 
  • O CIXTEC enviará aos centros a comunicación. O trámite desde a aprobación da baixa, confirmación ou alta até a recepción nos centros non será superior a 24 horas. 
  • As persoas afectadas non terían que facer ningún trámite en datos persoais xa que o centro educativo tería xa toda a información.
  • Esta medida afectará a todo o profesorado do Réxime Xeral da Seguridade Social e a aquel profesorado de MUFACE con prestación sanitaria no SERGAS. O profesorado de MUFACE con prestación privada terá que seguir tramitando as baixas como sempre, a través de datos persoais e achegando o parte médico.

En previsión deste cambio recomendamos a todo o profesorado que revise que na súa nómina figure correctamente o centro no que ten o destino xa que, como informou a Consellaría, ao ser o CIXTEC quen se fará cargo desta xestión, o dato que teñen é o que figura na nómina.

Volver