
En que quedamos co acordo da vergoña?
Análise de máis dun ano de renuncias, vergoña e enganos contestados con mobilizacións e a defensa da dignidade do profesorado
Outubro de 2023 foi o mes no que CCOO, ANPE e UGT se entregaron á Consellaría. Asinaron un acordo que era preelectoral para Rueda e postelectoral para eses sindicatos que pactaron contra o que eles mesmos prometeron nos seus programas das eleccións sindicais. Esa data supuxo tamén o inicio dunhas mobilizacións que superaron as que en anos anteriores se levaran adiante para a redución do horario lectivo. Cadaquén colocouse do lado que considerou, mais agora parece que a algúns o lado elixido non lles parece cómodo abondo: seica foron enganados. Nos últimos meses pasaron da beizón ao acordo a criticar a súa aplicación. Por algo se comeza, mais para recuperar algo de dignidade o que poden é retirar a súa sinatura dese acordo.
Hai varias cuestións que axudan a entender o momento no que estamos un ano e medio despois. Vexamos:
- As partes asinantes, tanto sindicatos como Xunta, fartáronse de dar golpes no peito falando de acordo histórico. A escenografía da sinatura non deixaba lugar a dúbidas. Por primeira vez un presidente da Xunta asinaba un acordo sindical. Polo camiño recibiron a axuda inestimábel da prensa subvencionada, especialmente do diario de maior tiraxe (e de subvencións recibidas). Todo era unha marabilla.
- Desde a CIG-Ensino opuxémonos frontalmente, coa mobilización e a información. Desmontamos as renuncias e mentiras do acordo, a letra pequena que lle daba patente de corso á Xunta mais tamén, como é norma da casa, fiscalizamos e denunciamos todo o que leva sendo a execución do mesmo. Isto parece ser que molesta especialmente aos sindicatos asinantes que por varias ocasións foron coñecedores do “engano” da Xunta logo de denuncialo publicamente a CIG.
- A Consellaría vai ao seu; sabía o que quería e xa o ten. Sen redución real e efectiva de horarios para a maioría do profesorado, sen unha dotación de efectivos no corpo de mestras e mestres como si se fixera no acordo de 2007, coa acomodación da redución das ratios á baixada da matrícula, sen tocar a carga burocrática e estafando o persoal docente coa esmola retributiva. O principal prexudicado de todo isto é o profesorado.
O mellor exemplo da práctica da Xunta tivémolo coa publicación da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Nada mellor para saber en que momento estamos, para definir os efectos do acordo da vergoña que analizar os pasos dados pola Xunta e o que a propia lei recolle.
En que quedamos co horario lectivo?
Sen melloras en Secundaria. En todas as ensinanzas diferentes a Infantil e Primaria o horario do profesorado mantense como estaba como produto dos recortes do ano 2012, sendo neste momento o máis alto de todo o Estado. O profesorado da ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial ten un horario de 20 horas lectivas cando partimos das 18 previas aos recortes. No caso do persoal docente que traballa en CIFP a situación vese agravada pola duracións das sesións (todas de 60 minutos no canto de 50 como nos IES).
A medio camiño en Infantil e Primaria. O acordo limitou a redución a 23 horas de carácter lectivo con presenza no centro (ás que hai que engadir 5 horas máis que se dedicarán ás actividades do centro educativo tamén con presenza neste). A situación previa, froito do mellor acordo asinado en todo o Estado, liderado pola CIG-Ensino en 2007, era de 21 horas lectivas. Un acordo que foi acompañado pola contratación de máis de 1000 mestres e mestras nos dous cursos seguintes para garantir a mesma calidade na atención ao alumnado.
En que quedamos coas ratios?
A cuestión da redución das ratios é un calote en toda regra. A Xunta limitouse a adaptar a previsión da caída da matrícula (polo devalo demográfico) a un calendario de aplicación escandaloso e que lle exixe un mínimo esforzo. Por se isto fose pouco, aqueles aspectos máis favorábeis (cos que a CIG-Ensino se amosou na negociación total ou parcialmente a favor) decide incumprilos. Vexamos como queda todo na LEI 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O calendario das ratios en Infantil e Primaria, en cómodos prazos.
En cómodos prazos, con remate da ratio de 20 no ano 2032. Polo camiño, a Consellaría ten a última palabra porque, tal e como denunciamos desde a CIG-Ensino, as ratios non se toman como ratios máximas coa mesma fixeza que as vixentes. Para iso se introduciu tanto o acordo como na Lei que o desenvolve a letra pequena.
A Consellaría resérvase a decisión final do que queira facer no caso de superación de ratios “máximas”, afirmando que “se nalgún caso excepcional non se puideren cumprir as novas ratios establecidas, por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación infantil e primaria, dotarase o centro cun/cunha especialista máis de educación primaria dos que lle corresponden por catálogo”.
E no resto de ensinanzas, hai novidades?
A estafa negociadora segue en pé. Isto é o que di a LEI 5/2024, traspoñendo literalmente o acordo:
ESO e Bacharelato. A redución (a 25 na ESO e 30 en BAC) aplicarase de forma progresiva, de acordo co calendario que sexa aprobado para o efecto. A negociación do calendario de aplicación nestas etapas educativas iniciarase durante o curso académico 2026-2027. Botamos contas? Se seguen a progresividade de Primaria, a redución comezaría na ESO no 2033 e en BAC no 2034. Vamos, que con sorte igual se aplica todo no 2036.
No resto, nada de nada. Para quen traballe na FP (tamén na FP Básica) ou noutras ensinanzas, non había a primeira referencia no acordo nin hai tampouco na LEI.
En que quedamos coas aulas mixtas?
A redución de ratios naquelas aulas de infantil e primaria que agrupan alumnado de diferentes niveis tería que aplicarse xa no presente curso, unha das medidas coas que a CIG-Ensino se amosou de acordo. Como noutros temas, a Consellaría incumpre o que asina e no canto de aplicar esa redución no presente curso escolar vaino facer ao longo de catro cursos, cos seguintes prazos:
- curso 2024-25: só agrupamentos en Infantil.
- curso 2025-26: agrupamentos de 1º ciclo de EP e de EI con EP.
- curso 2026-27: agrupamentos de 2º ciclo de EP e de toda a etapa de
- curso 2027-28: agrupamentos de 3º ciclo de EP, alumnado de distintos ciclos de EP e alumnado de EI que inclúa ao de 3 anos.
En que quedamos coa atención á diversidade ao respecto das ratios?
As medidas para ter en conta o alumando con necesidades de apoio á hora de reducir ratios e, por tanto, mellorar a atención á diversidade eran incompletas no acordo sindical. Deixouse fóra a todo o alumnado que careza de recoñecemento oficial de discapacidade ou dependencia ou ben que non teña un trastorno da conduta diagnosticado. Así, non se terán en conta os informes que poidan facer os departamentos de Orientación ou os Equipos Específicos para poder reducir a ratio dunha aula.
As medidas aprobadas nin sequera se aplican como se venderon.
O que se dixo que se ía facer era desdobrar as aulas nas que, tendo en conta o cómputo dobre (en casos de discapacidade igual ou superior ao 33%) ou triplo (en casos de discapacidade igual ou superior ao 65%), se superasen as ratios fixadas con carácter xeral. Por exemplo, nunha aula con 19 alumnos e alumnas nos que un deles tivese unha discapacidade do 65%, ao computar como tres e sumar un total de 21 debería desdobrarse. O que se dixo que se ía facer era desdobrar as aulas nas que, tendo en conta o cómputo dobre (en casos de discapacidade igual ou superior ao 33%) ou triplo (en casos de discapacidade igual ou superior ao 65%), se superasen as ratios fixadas con carácter xeral. Por exemplo, nunha aula con 19 alumnos e alumnas nos que un deles tivese unha discapacidade do 65%, ao computar como tres e sumar un total de 21 debería desdobrarse.
A realidade é ben distinta. O DOG recolle expresamente que se manterá o número de grupos que había en 4º de educación infantil e que, en todo caso, se poderá dotar o centro educativo con recursos docentes adicionais aos que lle corresponden por catálogo. É dicir, o resultado en número de unidades logo de reducir as ratios a 20 alumnos en 4ºEI (única medida que se aplica no curso actual) non se vai modificar e, como moito, “poderá” contarse con máis profesorado de apoio. Unha estafa en toda regra.
Esta medida tampouco se implantou en Secundaria, Bacharalato, FP e outras ensinanzas deixando fóra dunha das escasas medidas de graza que contiña etapas educativas nas que a atención á diversidade é unha das principais problemáticas no día a día das aulas. .
En que quedamos coa burocracia?
Un clamoroso baleiro é o único resultado das accións da Consellaría para reducir a burocracia necesaria ou eliminar a prescindíbel. Mais ao contrario, esta non parou de incrementarse este curso, tal e como denuncia o persoal docente. Por suposto, nada do que como CIG-Ensino se propuxo: reducir a carga lectiva para quen ten cargos e responsabilidades de coordinación ou titoría e contratar máis persoal administrativo. Un novo capítulo vergoñento do acordo das renuncias.
E cos cartos, en que quedamos?
No tema retributivo non lles bastou con romper cunha tendencia consolidada desde hai máis máis de trinta anos: que todas as subas salariais foron lineais e idénticas para o profesorado. Pactaron unha esmola a cambio de condicións de traballo e acordaron unha suba desigual e segregadora.
Neste caso da pequena suba retributiva, como noutros moitos (tanto deste mesmo acordo como no incumprimento de ratios como noutros acordos non asinados pola CIG-Ensino, como é caso das condicións do persoal interino e o pagamento do verán ao persoal substituto), chama a atención que teña que ser o sindicato que non luxou as mans asinando esa vergoña quen estea vixilante da súa aplicación. No caso dos cartos, tamén. Vexamos.
No verán de 2024, foi a CIG-Ensino quen alertou da decisión da Xunta de non aplicar a suba anual do 2% aos complementos afectados polo acordo (titoría, sexenios e cargos). Logo da nosa denuncia os sindicatos asinantes botaron as mans á cabeza (ou á carteira) e afirmaron que “non o consentirían”. A Consellaría de Educación alegou unha confusión da Consellaría de Facenda e a nómina pagouse correctamente.
Novamente vixilantes, no mes de xaneiro denunciamos unha nova estafa. A Consellaría non aplicou a suba aos sexenios e á titoría como correspondía. Este foi o truco.
Para o aumento nos sexenios e na titoría, en lugar de calcular o 10% da suba sobre o salario actualizado de 2024 como correspondería, volveron tomar como referencia no 2025 o soldo de 2023, reducindo así o incremento real.
As contías que nos furtan son, nestes exemplos, as seguintes:
- Na titoría soben 5,22€ no canto de 5,74€. A Consellaría queda con 0,52€ por docente.
- Para quen teña 3 sexenios a suba quédase en 28,33€ en vez de chegar a 31,17€. A Consellaría queda con 2,84€ por docente.
- E quen teña 5 sexenios cobrará 50,59€ máis que no 2024, cando a suba debería ser de 55,67€. A Consellaría queda con 5,08€ por docente.
Se pensamos que esas contías afectan a máis de 30.000 docentes queda claro o que consegue a Consellaría: un calote en toda regra.
O que máis destacou deste último timo foron dúas reaccións na propia Mesa Sectorial na que a CIG-Ensino afeou á Consellaría a estafa que facían. Por un lado, a da propia administración, que nesta ocasión dixo que non se trataba dun erro senón que foi feito intencionadamente. Por outro, o silencio cómplice dos sindicatos asinantes que non abriron a boca nin para facer o paripé dunha queixa formal.
Nin imos calar nin imos consentir.
Como CIG-Ensino témolo claro: non ser parte dun mal acordo non limitou nunca ao sindicato maioritario a denunciar todas as falcatruadas que comete a administración. Se enganan o profesorado non imos mirar cara outro lado aínda que non sexamos parte ou cómplices do engano.
Houbo quen aceptou atarse de pés e mans para moito tempo. A intención da Xunta é clara: levantou un muro para evitar que melloremos as nosas condicións de traballo e para acomodar calquera mínimo avance nas ratios aos ritmos da caída da natalidade. Desde a CIG-Ensino animamos ao profesorado a manter as protestas e denuncias. Como sindicato non imos ficar parados e levaremos adiante novamente a voz e as demandas do persoal docente. Para rematar con esta vergoña.