
Empregan un texto que describe unha violación na OPE de inglés a secundaria
A Secretaría das Mulleres da CIG e a CIG-Ensino denuncian o seu uso descontextualizado
Desde a CIG non entramos a valorar as virtudes narrativas que poida ter a novela, senón que denunciamos a escolla precisamente dun texto que describe unha violación a unha muller, unha agresión sexual, para ser traballado por parte do profesorado de lingua inglesa, sen contextualizar o texto nunha actividade dirixida a abordar a problemática da violencia contra as mulleres, sen pretender traballar de xeito crítico a obra como unha alegoría da violencia, da corrupción, ou da verdadeira faciana do patriarcado.
Non pode ser casual que entre a morea de textos que poden ser escollidos por parte do tribunal da oposición, sexa precisamente este. Consideramos que é unha auténtica provocación empregar esta obra de Faulkner nun exercicio destas características.
A violencia sexista é unha manifestación da desigualdade entre mulleres e homes e un obstáculo para lograr a igualdade; comprendela adecuadamente é fundamental para chegar a erradicala. É de todo inaceptábel empregar de xeito pedagóxico un texto que describe unha agresión sexual. Non esquezamos que o tribunal escolleu a descrición dun delito, a narración dun caso de violencia machista, nun exame de futuros e futuras ensinantes.
Consideramos un exercicio de hipocrisía o feito de que a Xunta de Galiza presuma de incorporar a igualdade de xénero como materia de Libre Configuración Autonómica durante o pasado curso co propósito de concienciar a rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia e porén, emprega textos que describen situacións de violencia sexual co hora alumnado que en breve será profesorado.
Por todo o exposto, esiximos á Consellaría de Educación que adopte as medidas que considere oportunas para evitar que futuras ou futuros ensinantes teñan que enfrontarse á situación de ter que describir unha violación sexual e traballar con ese argumento de xeito pedagóxico ou lúdico.