Empregados e empregadas públicas concéntranse diante de diversos centros de traballo por toda Galiza, convocados pola CIG

Na defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos

A CIG fixo a convocatoria “En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos” Empregados e empregadas públicas concentráronse diante dos seus respectivos centros de traballo en todas as comarcas do país para denunciar os recortes salariais e o conxunto de medidas impostas polo goberno para reducir o déficit público. As concentracións producíronse de forma simultánea en practicamente todos os lugares onde estaban convocadas, entre as 11:00 e as 12:00 horas. Ao remate das mesmas, fixeron un chamamento a participar na folga convocada na área pública para o día 8 de xuño e alertaron de que sen mobilización, introduciranse medidas aínda máis duras.
Empregados e empregadas públicas concéntranse diante de diversos centros de traballo por toda Galiza, convocados pola CIG
Empregados e empregadas públicas concentráronse diante dos seus respectivos centros de traballo en todas as comarcas do país para denunciar os recortes salariais e o conxunto de medidas impostas polo goberno para reducir o déficit público. As concentracións producíronse de forma simultánea en practicamente todos os lugares onde estaban convocadas, entre as 11:00 e as 12:00 horas. Ao remate das mesmas, fixeron un chamamento a participar na folga convocada na área pública para o día 8 de xuño e alertaron de que sen mobilización, introduciranse medidas aínda máis duras. 


Concentración diante dos edificios Administrativos da Xunta en Monelos, A Coruña. Coa convocatoria de mobilizacións, explicou a Secretaria Nacional da CIG-Administración, María Carme López Santamariña, a central quere amosar a total repulsa ao decreto Lei aprobado a pasada semana no Pleno do Congreso. “Unha vez máis, somos os empregados/as públicos a punta de lanza dunhas medidas destinadas a que sexa a clase traballadora a que pague unha crise que non provocamos”, denunciou.

“As medidas adoptadas polo goberno acrecentan a perda de poder adquisitivo, xa minguado na época de chamada bonanza económica, durante a que os/as traballadores/as da administración sufrimos numerosas conxelacións salariais, que viñeron a supor unha perda da nosa capacidade adquisitiva do 12%”, explicou.

López Santamariña advertiu que os recortes decretados polo goberno traerán tamén unha diminución drástica da administración pública. Neste senso, Santamariña lembrou que o Goberno acaba de aprobar unha taxa de reposición do 10%. Isto significa que de cada 100 empregados/as públicos que se xubilen ou deixen os seus postos so se van cubrir 10 prazas. “Esta situación levará unha maior privatización e externalización dos servizos públicos. Servizos públicos que en tempos de crise teñen que estar máis defendidos e apoiados polos Estados”, aseverou.

Folga xeral

“As conxelacións das pensións, das taxas de reposición, o recorte da lei de dependencia, supoñen un novo ataque á parte social máis débil. Estas medidas son o principio, o anuncio do que nos vén enriba”. Fronte a isto, Santamariña reiterou o convite ás organizacións sindicais de cara a convocatoria dunha folga xeral como a única ferramenta para evitar novas agresións e a posta en marcha dunha reforma laboral que traerá máis precarización e unha merma dos dereitos da clase traballadora.

A Secretaria Nacional da Federación de Administración da CIG realizou tamén un chamamento a Xunta de Galiza para que “mire con lupa que é o que fai cos nosos salarios”, reclamando a busca de reaxustes alternativos que eviten unha redución “tan drástica” como a que se recolle no decreto-lei. “A Xunta ten moito onde facer recortes, dende a eliminación do plus de altos cargos, a supresión dos de gabinetes territoriais que contan con ducias de asesores, as campañas de propaganda na que se dilapidan millóns de euros ou a duplicidade da administración”.

De igual xeito, López Santamariña advertiu que as mobilizacións realizadas esta mañá supoñen un preludio á folga do día 8 de xuño, para a que a CIG chama a participar non só a todos os empregados/as públicos, senón ao conxunto da sociedade, “porque isto é unha petición de defensa dos servizos públicos con maiúsculas”.

CIG-Ensino exixe que non se apliquen os descontos no complemento específico

Pola súa banda, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, resaltou a gravidade da campaña de desprestixio á que foron sometidos os traballadores e traballadoras da administración con dous obxectivos, lexitimar estas medidas e dividir á clase traballadora. “Mesmo chegaron a difundir unha imaxe dos funcionarios/as como privilexiados, cando tamén nas administracións atopamos precariedade, eventualidade e salarios que non chegan aos mil euros”.

Louzao salientou que estes ataques non responden a “unha estratexia redistributiva da riqueza, co obxectivo de desviar estes fondos retraídos ao resto dos traballadores/as, senón que é o primeiro paso na dirección contraria, deteriorar as condicións laborais e as prestacións sociais”.

Alén diso, o secretario nacional salientou que a CIG-Ensino exixiu á consellaría de Educación que non aplique os descontos no complemento específico, sobre o que ten competencias a Xunta de Galiza e fixo un chamamento á participación na folga do día 8 porque “do seu seguimento depende que teñamos capacidade ou non de frear estas políticas regresivas e antisociais”.

Os recortes no sector sanitario provocarán peores servizos e deterioro da calidade asistencial

Desde a federación de Saúde denunciaron que o goberno do PP xa aplicou o recorte salarial ás traballadoras e traballadores do SERGAS desde o ano 2009 coa suspensión do acordo retributivo 2008-2012. Recorte que viu acompañado dun importante retroceso na sanidade pública galega tanto no eido laboral como no asistencial.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que “o argumento de que esta medida ía dirixida a solucionar a crise e a crear emprego, como mostra de solidariedade coas desempregadas/os traduciuse en que na Galiza, desde que goberna o PP, o desemprego incrementouse nun 44,6%”.

Abondando nos efectos que terán estes recortes, que veñen acompañados de políticas privatizadoras, desde a CIG-saúde salientan que o recorte salarial provocará perda de calidade na asistencia sanitaria; o recorte no desfrute dos permisos, perda da equidade e da accesibilidade; o recorte nas contratacións, un freo á mellora da Atención Primaria; os recortes no dereito á negociación, un incremento escandaloso das listas de espera cirúrxicas e de probas diagnósticas; a diminución do número de traballadores/as, ao non cubrirse as prazas xa orzamentadas, a introdución do financiamento e xestión privada que nos leve ao copago e a suspensión do acordo de xubilación, a privatización da Sanidade Pública, co que a sanidade deixará de ser un dereito e pasará a ser un negocio

Volver