En xaneiro, elixe sanidade pública

Aberto até o 31 de xaneiro o período ordinario para o cambio de entidade sanitaria dentro de MUFACE

Este ano, dado ao atraso na licitación do concerto debido á chantaxe das entidades privadas que prestan o servizo, o persoal mutualista terá dous prazos para o cambio de entidade.

Ligazón a toda a información dentro da páxina de MUFACE para o cambio de entidade.

Desde a CIG-Ensino, seguindo a nosa habitual defensa dos servizos públicos, volvemos recomendarche que escollas o SERGAS como entidade prestataria dos servizos sanitarios.

As últimas incorporacións á función pública marcan unha tendencia moi clara nesta elección da sanidade pública: un 85,2% do profesorado que aprobou as oposicións en Galiza nos últimos catro anos optaron polo SERGAS. No caso do conxunto do Estado esa porcentaxe é do 74,7%.

A maioría do profesorado funcionario de carreira en Galiza opta xa pola sanidade pública, chegando ao 58,9%. Esa cifra chega ao 65% no caso do persoal docente e investigador das universidades públicas.

O primeiro prazo para solicitar o cambio de entidade vai do 1 ao 31 de xaneiro, e nel só poderás cambiar cara o SERGAS, algo que volvemos recomendarche, e será no segundo prazo, unha vez estea vixente o novo concerto, no caso de que finalmente haxa entidades privadas que concorran ao concerto (algo que neste momento está claramente en cuestión), cando poderás cambiar de entidade privada. Neste segundo prazo as persoas que cambiaran no primeiro cara o SERGAS poderán reverter este cambio.

A garantía da atención médica privada, en cuestión

MUFACE trasladou no Consello Xeral unha mensaxe de “tranquilidade” no mantemento da atención médica durante un máximo de 9 meses (até outubro de 2025) amparándose nunha prórroga obrigatoria que lle permitiría a Lei de contratos do Estado. Porén, desde o sindicato temos constancia de anulación de citas e denegación de probas diagnósticas nas últimas semanas de decembro.  A CIG apostou decididamente nas reunións do Consello Xeral de MUFACE por non ceder ás chantaxes das aseguradoras e deseñar un plan transitorio para camiñar cara a sanidade pública. Neste sentido, e tendo en conta as circunstancias actuais, o sindicato non considera que se dean as condicións para asegurar que as persoas mutualistas que optaron até agora polas entidades privadas vaian contar con todas as garantías. Con independencia de que desde o sindicato denunciaremos calquera incumprimento das obrigas legais destas empresas diante de MUFACE, cremos que estamos diante dunha nova e importante razón para optar neste mes de xaneiro pola sanidade pública.

O público é servizo, o privado é beneficio

Os movementos das aseguradoras destes últimos meses indican que estas entidades privadas, que prestan o servizo de atención sanitaria para MUFACE, dan o negocio por superado visto que só son maioritarias dentro do colectivo de mutualistas xubilados -onde xeralmente os gastos sanitarios son maiores- e trasladan o seu interese económico aos seguros médicos privados. A evolución destes seguros privados, especialmente cando desde os diferentes gobernos non se atende a sanidade pública cos recursos necesarios, provocou que se disparase o número de pólizas, provocando que o soporte que en tempos supuxo contar con miles de mutualistas de MUFACE como uns ingresos seguros se trasladase a un novo nicho de mercado, aínda máis lucrativo.

Reforzar a sanidade pública, a única solución

A CIG-Ensino alerta da falta de previsión das dúas administracións con competencias en materia de sanidade ante a situación que se presenta nestes momentos. Denunciamos a falta de valentía do goberno estatal e a necesidade de incrementar os fondos destinados ás comunidades autónomas para afrontar a situación que se cree co previsíbel incremento de persoas usuarias que proveñan e MUFACE. Ao tempo, respaldamos todas e casa unha das críticas que CIG-Saúde vén facendo sobre os insuficientes recursos no SERGAS e exiximos que se atendan as demandas que lle son trasladadas pola representación sindical do persoal do SERGAS.

Defendamos as prestacións sociais

Desde a CIG-Ensino non esquecemos que MUFACE ten dentro dos seus cometidos unha serie de axudas de carácter social e sociosanitario. MUFACE actúa neste sentido como un fondo de acción social como o que existe en case todas as administracións e en moitas empresas. Desde axudas por xubilación, falecemento ou sepelio até a prestación por parto múltiple ou toda a xestión de subsidios de baixas médicas superiores a tres meses. O mantemento de todas estas axudas e dereitos debe ficar claramente fóra do debate actual sobre a prestación sanitaria e deben garantirse, por tanto e como mínimo, os fondos destinados actualmente. Neste sentido, a CIG leva anos reclamando a recuperación dos recortes que tamén se aplicaron en MUFACE na década pasada e que nunca se recuperaron.

Ligazón a toda a información dentro da páxina de MUFACE para o cambio de entidade.
  • Como me cambio (información de Muface).

    A solicitude de cambio de entidade deberá realizarse ben por sede electrónica, ben descargando o impreso que se inclúe nesta páxina e enviándoo por correo postal, ou acudindo a outros rexistros. Indicámoslle como facelo:

    Se non puidese acceder ou utilizar estes medios debe solicitar quenda previa na súa oficina, aínda que recomendamos encarecidamente a opción da sede electrónica, do correo postal ou do rexistro electrónico, tendo en conta da saturación que se produce a principio de ano nalgunhas oficinas.

            MODELO DE SOLICITUDE DE CAMBIO DE ENTIDADE (Abre en nueva ventana)

    Por outra banda, lembre que a tarxeta sanitaria emítea a súa entidade, non MUFACE:

    • Se vostede optou por entidade concertada, nunha semana enviaranlla ao seu domicilio.
    • Se vostede elixiu servizo público de saúde, debe acudir ao seu Centro de Saúde e solicitar a súa emisión.

 

Volver