Educación vén de informarnos que executará as sentenzas favorables do TSXG e nomeará como persoal laboral non fixo descontinuo o profesorado CELGA

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que convoque os cursos CELGA deste ano que mantén paralizados

A Consellaría de Educación vén de trasladarlle á CIG-Ensino a súa intención de nomear o profesorado CELGA que teña sentenza favorable do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como persoal laboral non fixo (indefinido) descontinuo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa fixo públicas catro sentenzas nas que lle dá a razón á CIG-Ensino, ao confirmar a nulidade dos despedimentos de catro docentes e desestimar os recursos da Consellaría de Educación, á que lle impón custas por contía de 600 euros en cada un dos casos. A Consellaría de Educación está obrigada a aplicar esta medida porque do contrario estaría incumprindo as sentenzas favorables e incorrendo nunha insubmisión á xustiza.

O TSXG fallou desestimando o recurso de suplicación formulado pola Xunta e confirmando as sentenzas de instancia que condenan á Consellaría de Educación a readmitir aos/as traballadores/as no seu posto de traballo coa condición de indefinidos/as descontinuos/as, categoría de titulado/a superior e a pagarlle so salarios de tramitación o que lle corresponderían de terse efectuado o chamamento para impartir os cursos e ou avaliacións desde xaneiro de 2014 até a data de finalización dos mesmos. A CIG-Ensino ten gañadas no Xulgado do social trinta sentenzas de profesorado CELGA que están recorridas pola Xunta. 

Hai que lembrar que en todas as sentenzas o TSXG confirma a existencia de represalias e sinalan que a Xunta de Galiza decidiu precisamente cambiar o sistema de cursos de CELGA no momento en que as reclamacións de laboralidade dos profesores/as CELGA estaban empezando a colleitar éxito. E decidiu cambialo, precisamente, para deixar fóra aquel profesorado CELGA que se vían beneficiados pola denuncia sindical.

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que convoque os cursos CELGA deste ano que mantén paralizados e que se viñan realizando antes das probas de avaliación do mes de xuño. Segundo as informacións que ten a CIG-Ensino a Consellaría non ten previsto convocar estes cursos antes destas probas, unha decisión que só pode responder a súa negativa a nomear o profesorado CELGA que os viña impartindo en convocatorias anteriores. A CIG-Ensino esixirá da Consellaría que convoque estes cursos e que nomee para a súa impartición o profesorado CELGA e xa ten solicitado unha entrevista co secretario xeral de política lingüística urxente para darlle unha solución definitiva a este conflito.

Volver