Educación rexeita ampliar todas as prazas de atención preferente propostas pola CIG-Ensino

Nun comunicado da Subdirección Xeral infórmase de novas prazas sometidas a convenio no ESENGRA da Armada en Ferrol

Ningunha. Nin a primeira. Cero. Non haberá incremento de prazas de atención preferente sobre a oferta inicial comunicada na Mesa Sectorial, e iso malia os informes dos departamentos de Orientación ou das direccións dos centros que á CIG-Ensino lle constan foron remitidos no seu momento á Inspección Educativa, mesmo nalgúns casos co apoio dalgunhas inspeccións.

A CIG-Ensino remitiu un documento con 40 prazas que foron solicitadas polos centros no mesmo día que tivo lugar a Mesa de negociación. As prazas que o sindicato demandaba que foran atendidas suporían un incremento do 25% sobre o total das 158 prazas que permite a administración. O alto número de prazas indica claramente as carencias existentes nos cadros de persoal para a atención á diversidade, como o sindicato puxo en evidencia nos últimos anos.

O sindicato considera inxustificábel que non se atendan estas necesidades dos centros, cando en moitos casos non vai ter máis remedio que autorizar destinos provisionais para o curso que vén, o que vai en detrimento da atención que o alumnado precisa ao longo da súa escolarización. Igualmente, senta un mal precedente que, por vez primeira desde os cambios na subdirección xeral, non se nos xustifique, como se veu facendo até agora, os motivos polos que a Consellaría decide non aceptar as propostas dos centros presentadas pola CIG-Ensino.

Novas prazas de Cociña e Pastelaría na Escola de Especialidades Estación Naval A Graña ESENGRA (Ferrol)

A Consellaría vai incorporar 3 prazas que non foron comunicadas previamente na convocatoria para centros sometidos a convenio. As tres prazas son da especialidade de Cociña e Pastelaría. A CIG-Ensino lamenta que a Consellaría decidise non aceptar a nosa proposta de que o profesorado interino poida optar a estas prazas, sempre que non haxa funcionariado de carreira que as solicite e teña dereito a traballar nos cursos seguintes.

Volver