Educación pretende eliminar 330 postos fixos de traballo de funcionariado docente na provincia da Coruña

É de supoñer que o criterio de redución e as cifras serán semellantes nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense

Segue a política de recortes do goberno do Partido Popular no ensino público, agora coa proposta de reducir aínda máis os cadros de persoal dos centros educativos, amortizando postos actualmente ocupados por docentes con destinos definitivos e provocando unha maior masificación das aulas e unha perda importante da calidade educativa e dos postos de traballo.

A Consellaría de Educación entregou nos últimos días a proposta de vacantes a cubrir con carácter definitivo no Concurso de Traslados dos corpos docentes. A información, como vén sendo habitual, chegou tarde e incompleta, dificultando o labor de control das organizacións sindicais sobre a política de persoal da Consellaría de Educación, algo que a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente.

Segundo a información proporcionada pola xefatura territorial da Coruña, a intención da Consellaría é afondar na liña de reducir drasticamente o número de docentes do ensino público. O resto das provincias non remitiron esta información, aínda que é lóxico supoñer que o criterio de redución e as cifras serán semellantes.

Só na provincia coruñesa a Xunta pretende deixar de cubrir 330 postos de traballo actualmente ocupados por funcionariado de carreira con destino definitivo no centro. Cabe sospeitar que a cifra sería como mínimo próxima ao millar de docentes en todo o país. Isto implicaría, a curto prazo, que se estes docentes cambian de destino as súas prazas desaparecerían (amortizadas) e, en todo caso, anuncian a intención do goberno de Núñez Feijoo de suprimir ou desprazar dos centros a eses docentes.

A redución ou amortización de postos fixos nos centros educativos ten unha repercusión directa na calidade educativa, xa que implica que non se poda atender como é necesario ao alumnado con necesidades educativas especiais, nin permitir desdobres en determinadas materias ou potenciar traballos de coordinación didáctica ou actividades complementares ou extraescolares. Supón, ademais, unha clara intencionalidade da Xunta de tender ao agrupamento de aulas no medio rural e a incrementar as ratios en todos os niveis educativos. É dicir, incide claramente nun empobrecemento da oferta e da calidade educativa dos centros docentes públicos.

Logo dunha lexislatura ou trienio negro no que se perderon máis de 2500 postos de traballo no ensino público, as primeiras mostras que se dan unha vez celebradas as eleccións galegas é que o PP pretende incidir máis aínda nunha política de recortes no ensino público mentres mantén todos os fondos destinados ao ensino concertado.

A CIG-Ensino esixirá que se oferten todas as vacantes e que non se amorticen postos fixos de traballo, tendendo a unha política imprescindíbel de incremento dos cadros de persoal dos centros.

Podes consultar as amortizacións previstas na Coruña no documento que se achega.

Volver