Educación impón sen negociación nin diálogo a oferta ordinaria e modular de FP para o curso 21/22

Con tan só unhas horas de adianto para unha reunión do Consello Galego de FP a Xunta remitiu a listaxe de ciclos formativos de FP que se ofertarán así como a oferta por módulos, que non foron previamente contrastados nin cos sindicatos nin cos centros

A CIG-Ensino solicitou onte na Mesa Sectorial o adiamento da reunión prevista para hoxe, mércores 19, do Consello Galego de FP, xa que a parte da documentación viña de ser remitida xusto uns momentos antes e nin sequera se contaba con documentación da oferta ordinaria de modular para o curso 2021/22. A resposta do secretario xeral de Educación foi negar tal adiamento alegando que no Consello Galego non se negociaba e que a Consellaría só informaba. Este desprezo polos órganos de representación implica que a política educativa, cando menos na organización das ensinanzas, baixo a dirección da secretaría xeral de Educación, pasa a ser o sinal de identidade desta etapa. Non teñen porque negociar nada, que para iso teñen a responsabilidade de gobernar. Isto sería o máis fiel retrato da argumentación da Consellaría fronte a unha demanda sindical, a da CIG-Ensino, de darlle un prazo aos centros educativos para que puidesen enviar alegacións e propostas fronte a unha oferta que coñecerán unha vez imposta e sen marxe de reacción.

Como xa denunciamos con anterioridade, un dos cambios que aparecen na oferta para o próximo curso é a eliminación de ciclos formativos en varias vilas, pasando algúns ciclos que se ofertaban completos a unha oferta modular, en contra dos criterios do centros que avogaban por manter a mesma oferta.

Transformación de IES en Centros Integrados de FP

A Consellaría de Educación tamén “pasou” polo Consello Galego de FP o decreto polo que se transforman en CIFP tres IES.

  • IES UNIVERSIDADE LABORAL (CULLEREDO). Non se impartía xa o Bacharelato polo que non haberá alumnado ou profesorado afectado.
  • IES LEIXA (FERROL). O alumnado de Bacharelato trasladarase ao IES CATABOIS (FERROL).
  • IES FRAGAS DO EUME. O alumnado de ESO e Bacharelato trasladarase ao IES BREAMO (PONTEDEUME).

O traslado das ensinanzas vai implicar que un número aínda por determinas de docentes con destino definitivo no IES de Leixa e no IES Fragas do Eume perdan o seu destino definitivo. O proceso de adscrición e as  necesidades de docente nos centros receptores (canto profesorado vai ter destinos neles e canto quedará desprazado) darase a coñecer nunha orde próxima e a normativa a aplicar para saber quen pode quedar sen destino será, como até agora, o decreto 140/2006 que regula os criterios de perda de destino.

Cambios de ciclos en Ferrol e Lugo

No mesmo decreto de transformación de IES en CIFP se inclúe o traslado de dous ciclos, un na cidade de Ferrol e outro en Lugo:

CFGS Educación Infantil. Trasladarase do CIFP Ferrolterra de Ferrol ao novo CIFP Leixa de Ferrol.

CFGS Ensinanzas e animación sociodeportiva. Trasladarase do IES Nosa Señora do Ollos Grandes de Lugo ao CIFP Politécnico de Lugo.

A Consellaría non ofreceu información sobre se haberá profesorado afectado e agárdase que tamén se determine nunha futura orde cantas persoas e de que especialidades terán que trasladarse aos novos centros.

FP dual e cursos de especialización

A finais de xuño haberá nova convocatoria do Consello Social de Formación Profesional para informar da súa oferta.

Oferta Ordinaria FP. Ligazón
Oferta Modular FP. Ligazón
Decreto transformación CIFP. Ligazón

Volver