Educación descarga nas direccións a xestión e responsabilidade do comedor incrementando o seu traballo burocrático e a xornada laboral até en dez horas
A CIG-Ensino denunciou esta situación e exixiu a retirada do Decreto de Comedores
Nas súas instrucións a Consellaría de Educación obriga aos/as directores/as a estar nos comedores sen poder delegar noutra persoa do equipo directivo. Esta obriga fai que a súa xornada laboral pase das 37,5 horas que recolle na orde de 22 de xullo de 2007 a 47 horas e media, un aumento de 10 horas de presenza física no centro de forma obrigatoria, un incremento do 25% decretado pola Consellaría de forma unilateral. Para a CIG-Ensino a supervisión do servizo por parte da dirección non ten que comportar necesariamente a súa presenza física no comedor e ademais esta decisión supón unha agresión flagrante dos seus dereitos laborais. Ao non dispor de persoal administrativo, as direccións tamén teñen que facer o rexistro informático de todos os datos dos membros da familia (documentos de identidade, nomes completos e datos fiscais dos que en moitos casos no dispoñen) nun prazo de tempo irrealizábel.
Por outra banda e segundo constatou a CIG-Ensino, a oferta de prazas está a ser insuficiente. Nalgúns casos o número de solicitudes recollidas é moi superior o de prazas ofertadas e a Consellaría de Educación xa comunicou que non se concederá a ningún centro a ampliación de prazas, o que supón que se vai deixar a unha parte importante do alumnado sen servizo.
A decisión da Consellaría de eliminar a gratuidade do comedor para o alumnado que necesita facer uso do transporte para estar escolarizado xurde nos centros que só teñen o servizo de transporte despois da hora de comer. Agora non todo o alumnado que é transportado vai facer uso do comedor e haberá nenos e nenas que teñen que agardar, sen comer, até volver a casa.
Diante desta situación a CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que resolva o problema da falta de prazas para adecuar o servizo á demanda existente. Ademais debería ter en conta os datos económicos actuais e non os da renda do ano pasado. A Consellaría tamén ten que reducir as tarifas dos/as usuarios/as porque nos casos dos prezos máximos comprobamos que duplican ou mesmo triplican os prezos reais.
Por outra banda a CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que non derive nas direccións as xestións burocráticas do servizo de comedor e que se poña a disposición das persoas responsábeis para resolver as incidencias que se producisen, adecuando a súa xornada para que a responsabilidade do comedor no se traduza nun incremento ilegal da xornada de traballo dos/as docentes.
Todo isto amosa a necesidade de derrogar o actual decreto de comedores e que a Consellaría de Educación se faga cargo da xestión directa dos comedores escolares con persoal específico e unha oferta de prazas suficientes, garantindo a gratuidade do alumnado transportado e reducindo os actuais prezos.