
Educación burocratiza e dificulta o traballo do profesorado de FP cunha nova aplicación informática que ten problemas de funcionamento
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría tampouco ofreceu formación a todo o profesorado que ten que usar obrigatoriamente esta aplicación para facer as programacións
É inxustificábel que a Consellaría de Educación non dera a posibilidade de formarse a todo o profesorado que ten que facer uso desta aplicación obrigatoriamente.A aplicación ten a súa complexidade e moito profesorado estase atopando con dificultades para utilizala. Ademais trátase dunha medida que sobrecarga o traballo burocrático do profesorado e dos cargos directivos máxime cando a aplicación está a dar moitos problemas. En numerosas ocasións a aplicación bloquéase e non pode usarse ao producirse, segundo informan desde o teléfono de consultas que lle facilitaron ao profesorado, numerosos accesos no mesmo momento.
Chama tamén a atención que calquera aclaración ou dúbida sobre a configuración de acceso e sobre o funcionamento técnico da aplicación informática o profesorado teña que resolvela mediante a chamada a un número 902, o que pode encarecer as consultas. Este mal funcionamento suporá que haxa profesorado que non vai dar introducido a programación para o inicio do curso, tendo en conta que a un número importante de profesorado non se lle adxudicou destino ate o día 11 de setembro.Ao mesmo tempo este traballo non conduce a mellorar a docencia senón que se trata exclusivamente dun control burocrático, xa que nin sequera permite o traballo en equipa.
Estamos ante unha actuación máis da Consellaría de desconsideración co profesorado, que dá relevancia ao traballo administrativo e burocrático por riba da formación curricular, pedagóxica e didáctica máis necesaria debido aos novos currículos dos novos módulos profesionais de FP. O lóxico e normal é que a Consellaría de Educación antes de facela obrigatoria formara ao profesorado e puxera en funcionamento unha aplicación que reducira o traballo burocrático sen interferir negativamente na docencia, como acontece agora.