“É hora de mudar os comportamentos e as actitudes individuais e colectivas que están na raíz da violencia machista”

A CIG desenvolveu unha xornada de loita con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

“Erradiquemos a cultura da violencia machista”. Baixo este lema, a CIG desenvolveu este martes concentracións en todas as cidades –agás Vigo, onde tivo lugar o luns-, co gallo do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha xornada na que, en palabras da Secretaria Confederal de Muller, Margarida Corral, máis alá de focalizar o problema nas vítimas, a central sindical quere ir á raíz dos comportamentos individuais e colectivos semente da cultura da violencia machista.

Galería de imaxes das mobilizacións

Galería de imaxes do acto de Vigo

Neste senso, Corral sinalou que durante todo o mes de novembro nos sete locais cabeceira de comarca da CIG están expostas sete siluetas en homenaxe e lembranza das sete mulleres galegas mortas a causa da violencia machista ao longo deste ano. Figuras que tamén se levaron ás concentracións realizadas este martes e que están identificadas co seu nome e o nome de quen asasinou a cada unha das vítimas.

Neste punto, a responsábel de Muller da CIG referiuse aos demoledores datos oficiais sobre violencia machista, denunciando que só teñen relación coa violencia entre a parella, dado que a lexislación vixente exclúe das estatísticas outros casos de violencia de xénero como o feminicidio cometido fóra da relación de parella, a violencia sexual, os abusos ou o acoso, entre outros, malia o propio Ministerio do Interior recoñecer que a violencia sexual fora da parella se incrementou.

Sobre o impacto da campaña e a reacción ás siluetas distribuídas polos locais sindicais, Corral fixo unha avaliación positiva no sendo de que “realmente conseguimos o que buscábamos: remover a conciencia das persoas sobre esta lacra e sobre os tipos de actitudes, comportamentos e ideas discriminatorias que cada unha e cada un de nós temos nas nosas vidas cotiás e que nun determinado momento fan que alguén dea o paso e se violente ás mulleres tanto no ámbito económico, sexual, como laboral e finalmente, na maior manifestación das violencias, que é un asasinato”.

A Secretaria de Muller insistiu en que fóra de baleiros actos institucionais que tanto abondan neste tipo de conmemoracións, a CIG “quere saír a rúa para denunciar esta situación, mais tamén para mudar os nosos comportamentos diarios que están na orixe da violencia machista”.

Recortes nos orzamentos

Neste loita, Margarida Corral cualificou de “especialmente grave” que os gobernos de Galiza e do Estado continúen cos recortes nos programas e políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A este respecto sinalou, por exemplo, que os orzamentos do Estado para o ano 2015 contemplan unha redución dun 34,2% do Orzamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para o vindeiro ano;  ou que non se inviste o suficiente para poder desenvolver a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero, destinar unha partida aos concellos co obxecto de que poidan garantir os servizos de atención ás mulleres, e contemplar unha partida específica para desenvolver o artigo 3 da Lei Integral, facendo campañas de sensibilización e prevención na educación e na sanidade.

INFORME 2014

DÍPTICO

Novas anteriores


Marga Corral: “Estamos fartas de que se poña o acento nas vítimas, hai que ir á orixe dos comportamentos agresivos”

Volver