Dúas informacións de alcance sobre substitución de profesorado

Garántese a continuidade de contratos despois de semana santa mais confirma que non se van cubrir novas baixas até a volta ás aulas

GARÁNTESE A CONTINUIDADE DE CONTRATOS DESPOIS DA SEMANA SANTA. 

Logo de que varias persoas que están cubrindo a substitución dun titular con permiso por nai biolóxica ou do outro proxenitor e que interrompe ese permiso durante a semana santa recibiran información dalgunha Xefaturas Territoriais no sentido que non continuarían co contrato despois da semana santa, a CIG-Ensino pediu hoxe explicacións aos servizos centrais da Consellaría. O Subdirector de Centros e RR.HH. afirmou que o profesorado substituto nesta situación renovará contrato após a semana santa e que esas son as instrucións dadas ás X.T. Se alguén se atopa nesta situación e, por erro, non causa alta de novo despois dos días non lectivos, poñédevos en contacto coa CIG-Ensino nos teléfonos dos nosos locais ou mediante un email.

A CONSELLARÍA CONFIRMA QUE NON VAI CUBRIR NOVAS BAIXAS MENTRES NON SE VOLVA ÁS CLASES.

Despois dun estudo do sindicato das baixas que se cargaron desde principios do mes de marzo e que nalgúns casos xa foron eliminadas da aplicación de substitucións, a CIG-Ensino demandara o pasado 23 de marzo que se cubrisen todas as necesidades de profesorado. Hoxe, 1 de abril, incidimos no tema, facendo especial fincapé nos casos relacionados con docentes que collen unha baixa e están a impartir en 2º de Bacharelato ou que se entenda que a súa cobertura é fundamental para a continuidade do traballo feito até este momento. A Consellaría nega tal posibilidade de contratación e informa que terán que ser os departamentos en secundaria e a dirección nos demais centros quen se encarguen de facer o encomendar as tarefas que viñese desempeñando o titular. Para a CIG-Ensino esta medida non ten xustificación, mídese por un afán de redución de gasto e implica unha maior sobrecarga de traballo para os profesorado en activo.

Volver