Dotación de pavillón para o IES Ferrol Vello

A CIG-Ensino apoia a demanda de toda a comunidade educativa do citado centro

O IES Ferrol Vello non conta, dende o inicio da súa actividade como centro de educación secundaria, cunhas instalacións deportivas propias para que o seu alumnado poida desenvolver a materia de Educación Física, así como outras actividades do centro, en boas condicións.

A situación a día de hoxe é que o alumnado e profesorado de Educación Física ten que acudir en autobús a un pavillón deportivo situado en FIMO, cuxa titularidade ostenta o concello de Ferrol.

Isto trae consigo fretar de maneira regular autobuses así como outros problemas organizativos e de xestión que afectan ao desenvolvemento das aulas do IES Ferrol Vello.

Desde o inicio desa problemática, o centro ten solicitado unha solución través dos seus órganos colexiados, e incluso ten presentado unha posíbel solución, que consistiría no uso dunha fábrica abandonada anexa ao instituto para construír un pavillón deportivo para o centro, que asemade puidese ser utilizado pola veciñanza.

A CIG-Ensino entende que o profesorado debe traballar nunhas condicións óptimas para o desenvolvemento dun ensino de calidade e que a Consellaría está a mirar de esguello esta problemática, deixando pasar o tempo sen dar solucións reais.

Alén disto, hai que ter en conta o problema de seguridade que supón a proximidade deste inmóbel abandonado ante o edificio escolar.

Por todo o anterior, a CIG-Ensino, logo de falar coa dirección e ter en conta as demandas do consello escolar e profesorado do centro, presentará ante os órganos pertinentes da Consellaría a demanda para que o IES Ferrol Vello teña un pavillón. Usará todas as canles das que dispón para conseguir a involucración da Consellaría, organismo responsábel das instalacións educativas, e solucionar, canto antes, esta necesidade educativa presentada polo instituto.

Volver