Información da Mesa Sectorial do Concurso Xeral de Traslados

Toda a información do desenvolvemento da mesa sectorial celebrada o martes 24 de outubro

Trataranse os seguintes temas: Concurso Xeral de Traslados (CXT), concurso xeral de orientación (primaria), modificación das comisións de conciliación e centros de especial dificultade

A CIG-Ensino demandoulle a Educación que o Concurso Xeral de Traslados deste curso sexa exclusivamente de ámbito galego.

Na Mesa Sectorial celebrada esta mañá a central sindical argumentou que xa existe a posibilidade de concursar a nivel estatal cada dous anos “polo que a mobilidade do profesorado está garantida, mentres que dentro de Galiza segue existindo unha altísima provisionalidade, como o demostra o feito de que existan arredor de 1.000 persoas sen destino definitivo e máis de 6.000 que concursan cada ano”. 

A Consellaría de Educación permite na convocatoria que regulará o Concurso Xeral de Traslados (CXT) deste curso, que é de ámbito galego, que participe profesorado de fóra de Galiza. Facéndose eco das demandas do funcionariado que está en expectativa de obter destino definitivo, e que supera as 1.000 persoas, a CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que restrinxa o ámbito de participación ao noso País. Neste sentido, o seu secretario nacional, Xesús Bermello, lembrou que “existen especialidades cun nível altísimo de provisionalidade, con docentes que levan máis de 10 anos sen destino definitivo”. “Con esta decisión”, engade Bermello, “a administración está a dificultar a redistribución ou a recolocación dos seus efectivos, tal e como se fixa na súa propia orde regulatoria”.

Para o sindicato nacionalista a normativa de participación xa regula que cada dous anos o CXT ten carácter estatal, polo que a mobilidade do profesorado está perfectamente garantida. De feito, o curso pasado esta circunstancia permitiu que 17 persoas do corpos de mestres e 43 dos corpos de Secundaria accederan desde fóra de Galiza e, á vez, que obteran destino fóra do País 41 mestras ou mestres de Primaria e 32 docentes dos corpos de Secundaria. “Non se trata de cifras elevadas, sobre todo se temos en conta que cada ano concursan a nível galego máis de 6.000 persoas (concretamento 6.205 no curso 2016/2017) para obter o seu primeiro destino definitivo ou cambiar o que xa se ten”. Así pois, debido ao altísimo interese que ten o profesorado en cambiar de centro ou de localidade de traballo dentro do noso territorio, a CIG-Ensino instou á Consellaría a modificar o borrador da Orde que se debateu na Mesa Sectorial para que este ano non se dea ningunha excepcianalidade e se respecte o seu ámbito de actuación.

Transparencia na publicación das vacantes.

A federación de Ensino da CIG insistiu tamén en que “non hai escusa para que as vacantes provisionais non se coñezan dentro do prazo de participación nin as definitivas antes de que remate o prazo de renuncias e de reclamacións”. Nestes intres só se coñecen as das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña, cando as inspeccións educativas tiñan que ter entregada a previsión antes do 15 de outubro co obxecto de poder negocialas na Mesa de hoxe. “Desde o sindicato non nos preocupa tanto o cumprimento dos prazos, que poden adiarse se é necesario, -subliñou o seu voceiro- senón a falta de transparencia nesta cuestión”. A administración asume o compromiso de publicar as vacantes en prazo para reclamacións e renuncias.

Desde a CIG Ensino logramos ademais o compromiso da administración de ter unha reunión coa Subdirección Xeral de Recursos Humanos antes da publicación das vacantes.

Lingua

Por outra parte, a CIG-Ensino demandou que todas as especialidades que se convoquen teñan perfil lingüístico galego co obxectivo de garantir que o profesorado teña as competencias necesarias para desenvolverse no noso idioma. “Non é nin máis nin menos que o que a propia Consellaría esixe para superar unha oposición: ter o nível CELGA 4. A día de hoxe só as especialidades de Infantil e de Primaria do Corpo de Mestres e Historia e Bioloxía de Secundaria, así como todas as específicas da FP teñen ese requisito”, lembrou Xesús Bermello. Por outro lado, nun concurso no que se ten en conta todo tipo de meritocracia, a CIG-Ensino propuxo que se valore como mérito a impartición de aulas en galego, tal e como recolle a convocatoria estatal para outros territorios.

Concilias

Noutra orde de cousas, a CIG-Ensino conseguiu que a Consellaría aceptara modificar a norma que regula as comisións por conciliación familiar no tocante a non ter que escoller centros con xornada partida, adultos e centros penitenciarios, tal e como xa solicitara na negociación da orde o curso pasado, aínda que estiveran dentro da localidade de residencia do profesorado afectado. Esta cuestión xerou moita controversia á hora de facer as solicitudes por primeira vez este ano, dado que o horario destes centros non facilitaba a conciliación da vida persoal coa laboral, que supostamente era o obxectivo da nova Orde.

Tamén se recolle nesta modificación a posibilidade de participar para as e os recén aprobadas e aprobados que nunca antes traballaran, así como outras melloras na orde.

Orde do día

1.- Concurso xeral de traslados.

Borrador da orde CIG Informa

2.- Concurso xeral de orientación.

Borrador da orde CIG Informa

3.- Orde pola que se modifica parcialmente a orde do 9 de xuño de 2017 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral

Borrador da Orde CIG Informa

4.- Orde pola que se actualizan os anexos da orde do 18 de outubro de 2010 pola que se establecen os centros e postos cualificados de especial dificultade na Comunidade Autónoma de Galiza.

Solicitude da CIG desta actualización Escrito da solicitude Borrador da Orde CIG Informa

5.- Rogos e preguntas.

Serán tratados nunha mesa posterior.

Volver