Docentes de calidade para un ensino de calidade

Día Mundial dos Docentes

Co gallo da conmemoración do Día Mundial dos Docentes a CIG-Ensino elaborou un manifesto que vos achegamos aquí.

5 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DOS DOCENTES

“Docentes de calidade para unha educación de calidade”

 

Un ano máis os profesores e profesoras de todo o mundo celebramos o 5 de outubro o Día Mundial dos Docentes (DMD). Cúmprense 13 anos da súa primeira celebración e neste tempo xa se institucionalizou como unha data para lembrar a importancia que ten o labor dos/as ensinantes no desenvolvemento de calquera sociedade.

 

O tema central do Día Mundial dos Docentes vén sendo “Docentes de calidade para unha educación de calidade”, centrándose a campaña, este ano, nunhas mellores condicións de traballo dos/as docentes o que implica unhas mellores condicións de aprendizaxe para os/as estudantes. Avogamos por unha aplicación íntegra e adecuada da Recomendación 1966 da UNESCO/OT relativa á condición dos docentes e a Recomendación 1997 da UNESCO relativa á condición do persoal docente do ensino superior. 2007 é un ano importante que marca o X aniversario da adopción da Recomendación da UNESCO relativa á condición do persoal docente do ensino superior.

 

A Internacional da Educación (IE), organización sindical que agrupa a máis de 29 millóns de docentes de todo o mundo, integrados en preto de 384 sindicatos, un ano máis chama aos seus membros a reivindicar unha maior atención para o ensino e para o persoal docente en concreto.

 

A CIG-ENSINO, como membro fundador da Internacional da Educación, súmase desde Galiza ás propostas da IE para celebrar, este ano, o Día Mundial do Docente co obxecto de conseguir unhas mellores condicións de traballo para os docentes que se traducen nunhas mellores condicións de aprendizaxe para os/as estudantes. Para iso cómpre:

  • Un contorno de traballo decente - un contorno de traballo san e seguro para os docentes e alumnado, unha capacidade das clases adecuada e uns recursos pedagóxicos apropiados nas aulas.
  • Desenvolvemento profesional inicial e continuo – a oportunidade de conseguir e desenvolver aptitudes profesionais, que deben actualizarse con novas técnicas pedagóxicas e información, así como de desenvolver unha carreira.
  • Participación en elaboración de políticas – co fin de garantir que as novas políticas reflictan a realidade nas aulas, deberase incluír o diálogo social  na elaboración de políticas e na programación educativa.
  • A negociación colectiva para defender e mellorar os dereitos dos docentes – as condicións de traballo, así como as avaliacións de calidade dos procesos educativos, deben negociarse entre os/as representantes do goberno/ empregadores/as e os/as representantes dos sindicatos docentes.

 

Santiago, 4 de outubro de 2007

Volver