• 20190405 presentacion correlingua lugo (1).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (2).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (5).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (6).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (7).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (8).jpg
  • 20190405 presentacion correlingua lugo (10).jpg

Doce localidades galegas acollerán este ano as carreiras do Correlingua entre o 2 e o 16 de maio

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu esta mañá a presentación das marchas polo galego que se celebrarán durante a primeira metade do mes de maio e nas que participará alumnado de todos os niveis educativos.

Na presentación o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, aproveitou para amosar de novo o apoio do sindicato a todo o profesorado que incumpre a prohibición “inmoral” de impartir as materias científicas en galego.

Arranca un ano máis o Correlingua, e van 19 edicións, dunha actividade lúdica, educativa e reivindicativa organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, que ten como obxectivo reclamar o dereito da rapazada a vivir e a medrar en galego. Baixo o lema “o galego é a fórmula”, este ano celebráronse como xa é costume os concursos de mellor manifesto, mellor vídeo e mellor banda deseñada que serven para que o alumnado de distintos niveis educativos reflexione sobre a situación do noso idioma e o seu uso nas etapas infantil e xuvenil. Precisamente, na presentación das carreiras e dos actos que van ter lugar o vindeiro mes por toda Galiza, celebrada hoxe na Deputación de Lugo, fixéronse entrega dos premios nestas categorías que este ano corresponderon a:

Durante o acto, o secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, fixo referencia ao lema deste ano dicindo que “non queremos que o galego sexa unha fórmula segreda, senón que continúe a ser unha fórmula maxistral, elaborada por todos e cada un dos miles de galegos e galegas que nola transmitiron en herdanza e que lla depositamos aos mozos e mozas que son o futuro”. Bermello acusou ao goberno da Xunta a querer relegar o noso idioma ao silencio ou a un carácter ornamental e simbólico como se o pobo galego “fora un laboratorio sen instrumental”. Neste sentido, fixo referencia aos 10 anos de implantación do Decreto do plurilingüismo “que rachou todo o consenso existente con respecto á lingua e no que por primeira vez na historia recente se lexislou prohibindo o uso do galego en materias científicas: nas matemáticas, na física e química ou na tecnoloxía. Hai centos de docentes que nin atenderon nin están dispostos a atender esa obriga inmoral de prohibir que a lingua galega non sirva para sumar, multiplicar ou formular e desde a CIG-Ensino queremos felicitar e apoiar a todo o profesorado a que continúe con ese esforzo de dignificación e transmisión da nosa lingua”, incidiu.

Á súa vez calificou de "hipocrisía" o anuncio da Xunta de financiar un convenio co Instituto da Lingua Galega para averiguar por que a mocidade non fala galego. "Primeiro prohíbeno e desprestíxiano e despois gastan 240.000 euros en buscar os motivos polos que non se usa, isto é inaudito e intolerábel", concluíu.

Doce carreiras pola lingua

Entre o 2 e o 16 de maio celebraranse doce carreiras pola lingua nas que se prevé de novo a participación de decenas de miles de estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria e que terán lugar nas seguintes localidades: Cangas do Morrazo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ribadeo, Ponteareas, Lugo, Narón, A Estrada, Monforte de Lemos, Vigo, Ourense e Pontevedra, onde terá lugar a festa final deste ano. O calendario das marchas, así como os traballos premiados nos distintos certames, poden consultarse na páxina do Correlingua.

Volver