Do MIR, o sistema educativo, os globos sonda e a precariedade

A CIG-Ensino critica que o partido que executou os recortes máis lesivos no ensino público e que mantén a perda de dereitos do profesorado pretenda cargar sobre o profesorado os problemas que causaron os propios gobernos do PP

Estamos afeitos a que responsábeis políticos en materia educativa utilicen os foros que lle son máis propicios para crear un estado de opinión ou, na maior parte dos casos, para correr unha cortina de fume arredor de problemas que non son quen de xestionar ou de directrices que prefiren ocultar. Globos sonda. O denominado “MIR educativo” é un deles. Rubalcaba lanzou a proposta en 2010 e, desde aquela, foi aparecendo cando a quen ocupaba o Goberno lle interesou. Agora volve de novo, na boca de Méndez de Vigo, ministro do ramo, nun acto partidario do PP. E, de novo, todas as olladas se dirixen a esa proposta. Obxectivo cumprido: quen manexa a axenda mediática, controla o debate.  

O prezo a pagar é de novo colocar o profesorado na diana, sobre quen se pretende estender unha sombra de dúbida sobre o seu sistema de selección e, por tanto, sobre a súa capacidade.

Xa o fixo o PP cando comezou a súa campaña de desmantelamento dos servizos públicos, denigrando o funcionariado, e volve de novo agora, mais neste momento como táctica para deixar nun segundo plano as súas nefastas políticas educativas. 

A primeira cuestión que nos temos que preguntar é cales son os principais problemas do sistema educativo, tanto no ámbito do Estado como en Galiza. Está a profesionalidade e capacidade do profesorado entre os principais? Forma parte do problema realmente? Porque a mensaxe que se traslada é clara: non estamos a seleccionar os e as mellores, de aí que o sistema non funcione. Sen embargo, todos os indicadores, mesmo os que nos proporcionan as axencias internacionais vinculadas ao neoliberalismo máis atroz, como os informes PISA ou as propias probas externas ás que se ve sometido o alumnado dese hai anos, non identificaron a formación e a capacidade do profesorado como un dos problemas do sistema educativo, se non máis ben todo o contrario. 

Chama poderosamente a atención que na tramitación da LOMCE, unha lei que o Partido Popular impuxo unilateralmente, non se mencionase sequera unha proposta de modificación do sistema de acceso, e sexa agora, no trámite de enredo e de confusión deseñado polo PP co suposto Pacto educativo, e mediando unha modificación puntual do actual sistema de acceso e dos temarios das oposicións, cando saquen da chistera o tema do MIR. 

As condicións obxectivas 

Son as condicións nas que impartimos docencia as que marcan os éxitos e fracasos da nosa encomenda como educadoras. Sen obviar, por suposto, que como profesionais non podemos evadir a nosa responsabilidade. Mais esta está totalmente coutada polas políticas educativas. Vimos como nesta última década incrementamos o alumnado nas nosa aulas, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos. Asistimos a agrupamentos nas mesmas aulas de rapazas e rapaces de diferentes niveis e cursos en ámbitos rurais. Non nos permitiron facer desdobres en determinadas materias. Restaron as nosas horas de traballo de coordinación didáctica e de preparación académica para incrementar as de docencia. Encheron de burocracia o noso labor diario e lexislaron coa intención de coartar a nosa liberdade de cátedra e a nosa autonomía pedagóxica. Estigmatizaron a nosa profesión e agora volven de novo a facelo. 

Polo tanto, non miremos o dedo de quen apunta a un novo globo sonda. Miremos o punto que pretenden deixar oculto, as súas propias vergoñas: gobernantes que provocaron o maior incremento de persoal interino en décadas; que recortaron os dereitos do profesorado e buscaron a perda de calidade do ensino público mentres destinaron máis fondos a subvencionar o ensino privado; que aplicaron unilateralmente e de costas á sociedade a lei máis regresiva e ultraliberal desde a morte do ditador. Ese é o panorama real que pretenden agochar.

Artigo de opinión do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, sobre a proposta do ministro e os verdadeiros problemas do sistema educativo

Documento


Volver