Do 27-S ao 20-O: pola defensa do planeta cos pés na terra

A CIG-Ensino recorda a importancia da educación para formar en valores á poboación e o estudantado e para abordar o quecemento climático de xeito transversal en todos os currículos académicos.

Así mesmo, o sindicato anima a abordar nos centros educativos os retos que ten Galiza de cara a conseguir unha maior eficiencia enerxética e unha economía máis sostíbel en base á defensa dos nosos sectores produtivos e recorda a importancia de traballar algúns temas de especial incidencia no noso país, como a loita contra os incendios forestais e o uso do noso monte. Neste sentido, lembra a manifestación nacional convocada para o 20 de outubro “Por un monte galego con futuro”.

O sindicato maioritario no ensino público non universitario chama á comunidade educativa a concienciarse da situación de emerxencia climática na que se atopa o planeta e a facelo partindo da propia realidade do país, isto é, “traballar cos pés na terra coa vista posta na mobilización do 20 de outubro centrada na defensa do noso monte, do noso ámbito rural e da nosa biodiversidade”. Tal e como se puxo de manifesto na presentación da manifestación nacional convocada para ese día o 94% do noso territorio é rural e está ameazado polas políticas do Plan Forestal e da Estratexia Galega contra o cambio climático que pretenden intensificar aínda máis o cultivo do eucalipto, neste caso para o seu aproveitamento enerxético. Neste sentido desde a CIG criticamos que as empresas forestais se apunten á loita contra o cambio climático, cando son responsábeis directas da súa aceleración. 

Desde a CIG-Ensino animamos ao profesorado a traballar de xeito transversal a educación para a paz e o coidado do medio ambiente, de forma que o alumnado galego coñeza a súa realidade máis próxima, a riqueza natural e a biodiversidade do noso país. Tendo en conta que só se aprecia o que se coñece, na aula pódese abordar o papel que xogan os ecosistemas forestais na mitigación dos efectos do quecemento global como reservas de carbono, na regulación do ciclo da auga, na fertilidade do solo, na capacidade de purificación da auga e do ar ou na loita contra a erosión e contra os incendios forestais, entre outros.

Traballar na defensa do planeta cos pés postos na Terra implica que partamos da nosa propia realidade para afrontar unha necesaria loita global. Como rezaba unha vella proclama, a nosa Terra é nosa. Coñezámola, protexámola e asumamos que a transformación dunha realidade mundial non pode facerse de costas á realidade máis próxima.

Volver