Diante do novo “vello” goberno de Rueda: a CIG-Ensino afirma que é preciso un cambio de rumbo

Traendo ao primeiro plano o lema da campaña emprendida polo sindicato, demandamos melloras na política educativa, de persoal e en defensa da lingua

A remodelación do novo goberno da Xunta ficou, máis alá do relevo na presidencia e na evidencia dos pesos e tirapuxas internas do PP, na simple renovación do conselleiro de Educación, Román Rodríguez. A única novidade, o cambio no nome da Consellaría non ten ningún efecto real, toda vez que a Formación Profesional, que se incorpora na denominación, seguindo o exemplo do Goberno estatal, xa tiña o máximo nivel na estrutura da Consellaría, cunha secretaría xeral.

Renovación das demandas sindicais

A CIG-Ensino trasladoulle, non hai nin tres meses, ao agora renovado conselleiro, as demandas que a organización maioritaria no ensino público galego tiña de cara á mellora das condicións de traballo do profesorado, da calidade do propio sistema educativo e da defensa do noso idioma nas aulas, logo de trece anos de políticas de recortes en materia de persoal, privatización e descenso de recursos para o ensino público. Todas elas manteñen, obviamente, plena vixencia.

É necesario mudar o rumbo nas condicións de traballo do profesorado e na mellora do ensino público. 

No transcurso deste tempo a CIG-Ensino puxo en marcha unha campaña na que pretende poñer o foco precisamente en varios aspectos relacionados coas condicións nas que como docentes desempeñamos o noso traballo, provocadas polos importantes recortes de dereitos do goberno Feijóo: 

  • a recuperación do horario lectivo de 18 períodos en secundaria e de 21 en infantil e primaria
  • a redución das ratios
  • a ampliación dos cadros docentes
  • a mellora na atención á diversidade
  • a limitación da burocracia
  • a reconsideración integral da saúde laboral. 

Cando xa hai CC.AA. que negociaron a recuperación dos horarios lectivos previos á crise, a Xunta mantén unha postura totalmente inmobilista e reaccionaria. Cando hai tamén movementos noutras CC.AA. para reducir ratios, no noso país a Consellaría non dá mostras de querer camiñar nesa dirección. E así con todo.

Unha vez que xa se coñecen as cifras da oferta de emprego para os procesos selectivos extraordinarios derivados da Lei 20/2021, na que conseguimos máis que duplicar a pretensión inicial de Rodríguez, a CIG-Ensino non esquece que detrás do resultado deses procesos, hai un día despois e que a situación do profesorado interino, polo efecto do pacto sindical estatal, pode estar claramente en perigo. O sindicato xa lle trasladou ao renovado conselleiro esa preocupación así como as demandas de manter o actual sistema de listas cunhas melloras que consideramos urxentes e necesarias.

A política lingüística no marco educativo, desprotexida e esquecida, tamén precisa un cambio de rumbo.

Logo de trece anos de políticas regresivas da lingua galega nos centros educativos, o novo goberno non parece ter intencións de mudar nada. De momento, nos borradores dos decretos dos currículos da ESO e do Bacharelato segue manténdose, como se fixo no de Primaria, a prohibición expresa de usarmos a nosa lingua nas materias nas que Feijóo impuxo a proscrición lingüística no ano 2010.

Os datos son de auténtica emerxencia. Sendo conscientes de que a escola non pode dar con todas as solucións ao problema do escaso uso e coñecemento nas crianzas e mocidade galegas, é ben certo que é un espazo fundamental para loitar contra a exclusión do noso idioma e para favorecer unha recuperación fundamental. A CIG-Ensino, neste sentido, mantén o seu compromiso de traballar sobre a proposta de bases para a normalización lingüística que, no seo dunha plataforma sindical e asociativa ampla e plural, aprobamos no ano 2012. Desde xa interpelamos novamente ao conselleiro de Educación para que cese na política negacionista na que se instalou no pasado goberno e para que sente a falar e buscar consensos na defensa da lingua.

Imos ter un conselleiro de Educación con perfil propio ou toda a política educativa e de profesorado seguirá tutelada pola presidencia da Xunta?

A pregunta que o profesorado se fará a partir de agora mesmo é: vai haber algún cambio co relevo de Feijóo? Nun goberno no que nada se movía sen que Feijóo dese permiso, era sabido que a capacidade de autonomía de quen ocupase a carteira de Educación, fose quen fose, era simplemente nula. Agardaremos a ver que pasa nestas primeiras semanas para ditaminar se seguimos como estabamos, cunha consellaría tutelada e dirixida, ou se o existe unha nova situación na que se abran negociacións que até agora se negaban.

Volver