Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

VIOLENCIA: NIN NA RÚA, NIN NO TRABALLO NIN NA CASA

Durante o mes de novembro veremos en máis dunha ocasión imaxes de mulleres vítimas da violencia, unha realidade que durante o resto do ano permanece agochada, agás polas novas de asasinatos ou agresións recollidas na prensa, que nos removen e indignan ao instante, mais que logo se esquecen, como se falaramos de sucesos puntuais e non dun problema social.

A meirande parte dos esforzos en combater a violencia machista céntranse nas vítimas e non en quen exerce a violencia, que é cara a quen debe poñerse o foco. Porque para previr a violencia hai que tratar de evitala na orixe, eliminando as súas causas estruturais, promovendo relacións de respecto e igualdade desde idades temperás. E isto será posíbel na medida en que o xénero masculino comece a cuestionarse o lugar que ocupa na sociedade, en que mulleres e homes interioricemos as desigualdades e rachemos coas normas sociais que perpetúan o control e o poder que os homes exercen sobre as mulleres e reforzan a tolerancia cara á violencia machista. Un cuestionamento que pasa por identificar esas condutas, sexan propias ou por parte doutras persoas, e desbotalas. Por conseguir que a casa e os espazos públicos sexan máis seguros para as mulleres, garantindo a seguridade destas tamén nas súas relacións, no traballo e, en definitiva, nas súas vidas. 

Por iso propomos actuar nos seguintes eidos:

Educativo:

  • Desenvolver materiais curriculares dende a educación temperá que reflictan e fomenten a igualdade efectiva entre mulleres e homes, eliminando estereotipos, discriminacións por motivos de orientación sexual e identidade de xénero e linguaxes sexistas. Promovendo a coeducación e formando as e os profesionais na educación para a prevención e resolución pacífica dos conflitos con obrigatoriedade de recursos de apoio diferenciados para os distintos ciclos formativos. Esta educación transversal é incompatíbel co actual marco legal en materia de educación, por iso instamos a unha derrogación da LOMCE e pola creación dunha nova lei que incorpore a perspectiva de xénero.
  • De todas formas e para traballar, na medida do posíbel nos centros, achegámosvos o seguinte material.
Unidade didáctica primaria

Unidade didáctica secundaria e formación profesional

Son Muller de MBCP (máis boas cas patacas)
Vídeo da palestra "Combater As relacións tóxicas. Previr a violencia de xénero desde a adolescencia" de Carmen Ruíz Repullo nas XIV Xornadas da Muller da CIG Ensino e a AS-PG.

No ámbito sanitario:

  • Formación do persoal na prevención, detección e visibilización das situacións que afectan á saúde das mulleres e que teñen como causa a violencia machista, para garantir que identifican os síntomas e poñen en marcha o protocolo de actuación. 
  • Dotación de medios, servizos e equipos profesionais necesarios para atender unha problemática que require de moitos recursos, fundamentalmente en atención primaria, unha atención que vén sufrindo continuos recortes por parte dos gobernos do Partido Popular.

No ámbito policial e xudicial:

  • Urxe unha mellor coordinación entre as forzas de seguridade, de xeito que a instrución dos atestados sobre violencia de xénero sexa o axeitado. E ao tempo, deberá existir unha total coordinación cos servizos sociais e programas asistenciais. 
  • As denuncias deben ser elaboradas por parte de persoal especializado, dado que da avaliación do nivel de risco dependerá as medidas a adoptar por parte do xulgado.
  • Investir en formación especializada ás e aos profesionais da xudicatura, maxistratura, fiscalía, secretarías xudiciais, medicina forense e das forzas e corpos de seguridade, especialmente no caso das e dos profesionais da quenda de oficio.
  • Reforzar os xulgados de violencia de xénero, e non permitir o seus feche en períodos estivais.
  • Garantir na quenda de oficio a asistencia letrada da vítima por parte da mesma profesional en todo o proceso.

A nivel laboral:

  • É preciso que nas empresas exista un Protocolo de atención para traballadoras vítimas de violencia de xénero, no cal figuren os seus dereitos laborais. 
  • Garantir e asegurar ás traballadoras vítimas o exercicio dos dereitos laborais e económicos e as prestacións da Seguridade Social que recolle a lexislación, avaliando as súas necesidades e impulsando melloras, ampliando o seu período de desfrute e aumentando as contías das prestacións económicas. 
  • Asegurar que as traballadoras vítimas de violencia en situación de IT por enfermidade ou accidente causada pola situación de violencia de xénero, teñan dereito a unha prestación económica do 100% da BR. 
  • Negociar en todas as empresas e administracións un Protocolo de prevención e actuación en materia de acoso sexual, laboral e por razón de sexo e diversidade sexual, que deberán ser negociados coas delegadas e delegados sindicais e de libre disposición e coñecemento de todo o persoal.

Pero para que todo isto sexa unha realidade, fan falta medios, investimento público e, en definitiva, unha vontade real de mudar o status quo. A mobilización é o único camiño para conseguir estas esixencias. Por iso facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres o 25 de novembro e nas concentracións en repulsa dos feminicidios convocadas ao día seguinte de saír publicada na prensa escrita un asasinato por mor da violencia machista en Galiza.

Díptico da Confederación
Materiais de anos anteriores
O 25 de novembro desde unha perspectiva didáctica

Novembro 2016

Falemos en presente. A violencia é un feito aínda hoxe. Despois de anos de denuncia, despois de ex- por a necesidade de concienciármonos, despois de denunciar cada asesinato, de modi car a lei, de ten- tar educar... a violencia segue presente, en todas as súas formas: física, psicolóxica, económica, social... Tentar explicar mesmo os pequenos mecanismos que son a base da pirámide sobre a que se ergue a violencia segue a producir incomodidade, mais é absolutamente necesario para erradicar esta lacra social.

Documento


Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

25 de novembro de 2015

Documento


Volver