Día Escolar pola Paz

30 de xaneiro de 2010

A CIG-ENSINO fai un chamamento ao profesorado galego para que aproveite a conmemoración a nivel internacional do Día Escolar pola Paz o 30 de xaneiro, realizando actividades co seu alumnado que axuden a concienciar da necesidade de acabar coas guerras e inxustizas.

30 de xaneiro de 2010: Día Escolar pola Paz

A CIG-ENSINO fai un chamamento ao profesorado galego para que aproveite a conmemoración a nivel internacional do Día Escolar pola Paz o 30 de xaneiro, realizando actividades co seu alumnado que axuden a concienciar da necesidade de acabar coas guerras e inxustizas.

Desde hai 46 anos conmemórase internacionalmente o 30 de xaneiro o Día Escolar pola Paz, unha data coa que se quere simbolizar a necesidade de rematar coas guerras e promover valores e actitudes que axuden á resolución pacífica dos conflitos.

Diante desta data, a CIG-Ensino, un ano máis, fai un chamamento a todo o profesorado para que promova e organice actos nos centros escolares que axuden a promover entre o seu alumnado eses valores e actitudes que permitan acometer a solución dos conflitos do día e día por medio do diálogo o intercambio de pareceres e a negociación.

Ademais a nosa organización sindical considera que esta data debe aproveitarse para denunciar unha vez máis as guerras e inxustizas que seguen asolando o mundo, e se ceban fundamentalmente nos países subdesenvolvidos e naqueles nos que o imperialismo ten interese pola existencia de materias primas e fontes de enerxía.

Desgraciadamente, neste momento, hai múltiples exemplos de guerras, agresións e inxustizas que nos permiten ilustrar o noso traballo diario co alumnado o que non queremos para o futuro. Cómpre que os gobernos modifiquen actitudes e deseñen estratexias de cooperación a nivel internacional; estratexias nas que debería ser fundamental o labor dos organismos internacionais como a ONU, que, infelizmente, moitas veces non asume o seu papel, deixándose levar polas presións dalgúns estados que poñen os seus intereses económicos e xeo-estratéxicos por diante da necesidade de acadar un mundo en paz.

Afganistán, Palestina, o Sahara, Iraq, Colombia, son só algúns exemplos de lugares nos que é preciso adoptar medidas urxentes para acabar cos conflitos; pero a cultura de paz non só é necesaria alí onde hai guerras declaradas ou represión física, tamén nas sociedades desenvolvidas temos acotío moitos exemplos de violencia sobre persoas e pobos. Así, hoxe, diante da crise económica, son milleiros as persoas que sofren a violencia do despedimento e da necesidade de buscar como sexa sustento para as súas familias, mentres outras persoas se seguen enriquecendo por medio da especulación nos mercados financeiros internacionais, e, inclusive, algunhas institucións caen na tentación de adoptar medidas xenófobas baixo a escusa da crise económica que impide estender a universalidade dos servizos.

É tamén unha crueldade a intención do Goberno Galego que pretende reducir a presenza do noso idioma no sistema educativo e responde as peticións unánimes do mundo educativo e da grande maioría da sociedade galega con insultos e duras descualificacións, propias dun pasado que ninguén queremos que volva.

Para a CIG-ENSINO, a educación debe inspirar, divulgar e propiciar:

  • Iniciativas pola paz e o desarme, unha mellor comprensión e cooperación internacionais e a utilización con fins sociais dos recursos destinados ás guerras. 
  • A urxencia de rematar co imperialismo, o belicismo, o militarismo e a nuclearización.

  • A necesidade de evitar a difusión social e na escola das ideas e dos heroes insolidarios e violentos, do racismo e do fascismo.

  • A solución pacífica dos conflitos, o respecto aos dereitos das persoas e dos pobos e o dereito dos pobos á súa libre autodeterminación.

Debemos intentar que estes principios formen parte permanentemente dos contidos que a escola transmite e non restrinxilos soamente á celebración do "Día da Paz". Para isto, é preciso incorporar no currículo escolar contidos, obxectivos, métodos e técnicas da educación para a paz. E, ao mesmo tempo, debemos inculcar no alumnado o desexo de ser protagonista do seu mundo, participando na construción dunha sociedade mais xusta.

Volver