Desigual seguimento na folga convocada no sector público, cunha incidencia que a CIG cifra no 50%

Primeira resposta ao xiro antisocial do goberno

As federación da área pública da CIG cifran o seguimento da folga convocada para hoxe en preto dun 50%. A folga foi secundada de forma desigual dependendo dos centros de traballo. Na administración, a maior incidencia tívoa nos grandes concellos, cunha participación que superou o 80%, mentres que na Sanidade foi menor por mor duns servizos mínimos que a CIG-Saúde xa denunciou por seren abusivos. No ensino, a folga foi secundada nalgúns centros por practicamente o 100% do profesorado mentres que noutros a incidencia foi moito menor. Salienta a participación activa do persoal das universidades galegas, que se achegou ao 100%.
As federacións da área pública lamentan o papel xogado por CCOO e UGT, que non convocaron sequera asembleas para informar ao persoal
Desigual seguimento na folga convocada no sector público, cunha incidencia que a CIG cifra no 50%



As federación da área pública da CIG cifran o seguimento da folga convocada para hoxe en preto dun 50%. A folga foi secundada de forma desigual dependendo dos centros de traballo. Na administración, a maior incidencia tívoa nos grandes concellos, cunha participación que superou o 80%, mentres que na Sanidade foi menor por mor duns servizos mínimos que a CIG-Saúde xa denunciou por seren abusivos. No ensino, a folga foi secundada nalgúns centros por practicamente o 100% do profesorado mentres que noutros a incidencia foi moito menor. Salienta a participación activa do persoal das universidades galegas, que se achegou ao 100%.

A respecto de empresas de servizos con persoal equiparado en retribucions ao persoal publico, a CIG denuncia os abusivos servizos minimos, malia os que cómpre salientar a elevada participación dos empregados e empregadas dos servizos de limpeza equiparada ao persoal público nos hospitais.

Os servizos mínimos tamén foron denunciados por seren abusivos na CRTVG, o que desvirtualizou o seguimento da folga, malia estar, no seu conxunto, os traballadores e traballadoras de acordo co fondo da convocatoria.

Xusto antes de iniciar a marcha de A Coruña, a Secretaria Nacional da CIG-Administración, María Carme López Santamariña, subliñaba que a folga na área pública e as manifestacións convocadas pola central nas sete cidades “son a expresión pública do noso rexeitamento ás medidas adoptadas polos gobernos. Esta é unha folga que nos vimos na obriga de convocar e que é necesaria non só pola baixada de retribucións que se vai aplicar aos/ás traballadores/as da administración, senón porque é un ataque directo aos servizos públicos, que un estado de benestar debería defender especialmente en tempos de crise”.

A vella imaxe do funcionario de xanela
Santamariña lamentou que se pretenda culpabilizar aos empregados/as públicos dunha crise que non provocaron. “Somos un sector de empregados/as que desenvolvemos o noso traballo de cara a colectividade. É moi fácil vendernos como moeda de cambio utilizando esa vella imaxe do funcionario de xanela, porque tamén somos bombeiros/as, mestres/as, médicos/as, persoas que asisten a enfermos e dependentes, limpadores/as...”, lembrou.

López Santamariña reiterou que esta folga tiña que ser xa “unha folga xeral, máis previndo o que a semana próxima se nos vén enriba cos recortes da famosa reforma laboral”. A este respecto, advertiu que a central agarda que coas mobilizacións tanto o goberno estatal como o galego “tomen en consideración as nosas posturas e fagan unha profunda reflexión sobre as medidas que queren implantar”. Nesta liña, criticou ao goberno da Xunta pola hipocrisía amosada na xuntanza da Mesa Xeral da Función Pública ao pretender manterse á marxe do decreto aprobado polo goberno estatal, mais aplicando os mesmos recortes en Galiza e sen facer uso das súas competencias.

Pola súa banda o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou como importante o seguimento que tivo a folga no sector, con incidencia na maioría dos centros do país, onde se viu impedida a súa marcha normal. “Houbo unha participación desigual, na medida en que houbo centros nos que parou o 100%, noutros o 60% e noutros que foi menor”.

Máis de 1.000 razóns para ir á folga
Para Louzao, o que si se evidenciou é que o profesorado rexeita estas medidas regresivas e reaccionarias que afectan non só os salarios do profesorado senón tamén a un servizo público esencial como o ensino. “O profesorado está amosando que hai máis que 1.000 razóns para ir a unha folga xeral, porque é a única maneira de impedir que continúen impoñendo estas medidas regresivas, que se leve a cabo unha reforma laboral que abaratará aínda máis o despedimento, que flexibilizará máis o mercado laboral e continuará cargando sobre as costas dos traballadores unha crise da que non son responsábeis, mentres que non se está a incidir en absoluto sobre quen foron os seus causantes”.

Desde a CIG-Ensino lembran que durante a campaña desenvolvida nos centros, previa a esta folga, realizáronse máis de 1.000 asembleas. “O que nos preocupa enormemente é a pasividade absoluta das outras organizacións sindicais que non visitaron os centros e moito menos convocaron ningunha asemblea. Toda a carga de concienciación, de explicación das razóns desta folga e de mobilización recaeu na CIG. Isto, loxicamente, tivo consecuencias no propio resultado da folga”, afirma Louzao.

Servizos mínimos abusivos
Pola súa banda, desde a CIG-Saúde denuncian que os servizos mínimos decretados pola administración foron abusivos e que foron deseñados coa intención de minimizar a participación das traballadoras e traballadores deste sector no paro que, en todo caso, apoiaban a convocatoria.

Alén diso, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denunciou as graves consecuencias que as medidas aprobadas terán para os empregados e empregadas da Sanidade pública galega “coa medida de rebaixarnos o soldo, sumada á medida que tomou a Xunta de suspender os acordos retributivo do persoal estatutario, a rebaixa que se vai facer ao persoal estatutario supera en porcentaxe a redución que lle será de aplicación ao Presidente da Xunta, aos conselleiros e aos altos cargos”.

Abuín sinala que “o goberno non pode darlle un mellor trato aos políticos, aos cargos de libre designación e a todas as súas asistencias técnicas, que aos seus profesionais” e lembra que a sanidade baséase no coñecemento, o que implica unha formación permanente e actualizada, tendo ao doente como único obxectivo da aplicación dese coñecemento”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que o texto do decreto que aplicará a Xunta contempla, literalmente “unha redución do 4% en todas as reducións complementarias: complemento específico, carreira profesional, atención continuada, noites festivos e gardas”.

Porén, salienta que “o coñecemento e a penosidade do traballo a quendas, ou a realización de gardas, non se reduce no traballo diario que desenvolven as e os profesionais”.

Ante isto, Abuín denuncia a hipocrisía da conselleira de Sanidade, quen á saída do Consello Interterritorial asegurou que “para mellorar a xestión non fai falta reducir o soldo dos traballadores/as”. “Diante dos medios de comunicación di unha cousa pero logo aplica outra”. Xunto a isto, denuncia ademais que non se tivera convocado sequera a Mesa sectorial para explicar como se van aplicar as reducións previstas no caso concreto dos empregos e empregadas da sanidade pública galega.

Volver