Desaloxan do Parlamento aos representantes sindicais do sector público por manifestar a súa oposición aos recortes

No exterior, o persoal concentrábase ante un desmesurado dispositivo policial

O persoal do sector público saíu ás rúas a manifestar masivamente o seu rexeitamento ás medidas de recorte das súas condicións laborais, salariais e sociais que hoxe se aprobaban no Parlamento de Galiza cos votos a favor, unicamente, do Partido Popular. Entre mentres, en sede parlamentaria, as e os representantes sindicais eran desaloxados por manifestar a súa oposición a estas medidas levantando uns carteis onde se recollían as denuncias do sector.

As concentracións repetíanse diante dos centros de traballo, á mesma hora, agás nos hospitais onde estaban convocadas para as 11:00 da mañá. En todos os casos, as súas denuncias coincidían “queren reducir o déficit público á nosa costa e que paguemos as consecuencias dunha crise da que non fomos responsábeis e da que tampouco imos saír así”.

Para a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña “vimos de asistir a unha nova imposición do PP dentro do Parlamento galego. Imposición que xa nos veu aplicando desde o momento en que se nos presentou este proxecto de lei, sen atender ás demandas dos sindicatos que pedíamos que procedera a retiralo e se estabeleceran canles de comunicación e negociación para falar e poder opinar do seu contido”.

No mesmo sentido se manifestou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que é “a mostra máis evidente do talante antidemocrático do Partido Popular, non só polo desaloxo dos representantes sindicais que estabamos no pleno, senón tamén por recorrer á vía de urxencia para aprobar estas medidas”.

Para Louzao estamos ante unha lei que supón “unha involución e un ataque aos dereitos laborais e aos propios servizos públicos, co obxectivo de destruír emprego”. Ao seu entender evidénciase o carácter “autoritario” do PP ao recorrer á vía de urxencia para “nin máis nin menos, modificar aspectos e conquistas históricas que están en lei grazas ás loitas sindicais de hai anos”.

Do mesmo xeito, denunciou que este sistema “é totalmente improcedente e a mostra máis palpábel de que para eles o Parlamento galego é unha institución sen ningún tipo de interese, que pasan o rodillo e transforman unha maioría absoluta nunha ditadura. É totalmente inadmisíbel”. E advertiu que “a mobilización vai seguir en pé e van ter que retirar esta medida”.

Tal e como se lle trasladou aos grupos parlamentarios no día de onte a CIG non entende, por unha banda, que sendo aprobados hai escasamente dous meses os orzamentos de Galiza se fagan agora modificacións nesa lei de orzamentos cando non se prantexaron no seu día. “Por que hai tanta presa en facer estes recortes cando están pendentes de aprobación os orzamentos xerais do estado, dos que a día de hoxe descoñecemos o alcance e o impacto que van ter, canto a recortes, nos servizos públicos?”, pregúntase López Santamariña.

Consecuencias na calidade asistencial

Para Susana Méndez, secretaria de Organización de CIG-Saúde, aínda que en primeira instancia o máis prexudicado é o persoal do sector público, neste caso, “está claro que dada a situación na que está hoxe a sanidade pública, cos recortes e privatizacións previas que se fixeron desde o goberno da Xunta, isto é un ataque directo a un servizo público e os grandes prexudicados van ser os usuarios, que van ver diminuída gravemente a calidade asistencial que se lles presta”.

Méndez alerta de que a aplicación destas medidas vai implicar unha diminución aínda máis drásticas das contratacións, a supresión de moitísimos postos de traballo e máis carga de traballo para o persoal que agora mesmo presta o servizo, o que obviamente repercutirá nos e nas doentes. “desde hai bastante tempo, na Sanidade Pública xa se veñen facendo recortes de xornada e contratos de catro e cinco horas para facer substitucións en determinadas actividades. Agora o que fan é instaurala con obrigatoriedade para a xente que se vai contratar e con posibilidade de aplicala tamén aos fixos se se prestan voluntariamente”.

O feito de suprimir tres días de libre disposición implica, di, que vai aumentar a xornada dos traballadores e traballadoras que están contratados/as como interinos e como fixos. “Vai ser unha bolsa  de horas da que van tirar para cubrir as ausencias que teñan co cal diminúe a contratación de novo persoal”. De feito, CIG-Saúde ten calculado que son 500 postos de traballo que deixarán de contratarse.

Galería de imaxes da xornada de mobilizacións

  • Desaloxan do Parlamento aos representantes sindicais do sector público por manifestar a súa oposición aos recortes

Volver