Desacordo da CIG-Ensino cos servizos mínimos fixados pola Consellaría para a folga do 12 de decembro

O profesorado das unitarias ve imposibilitado o seu dereito de secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros.

O comité de folga mantivo unha reunión con responsábeis da Consellaría de Educación para fixar os servizos mínimos da folga do profesorado do 12 de decembro sen que se chegase a acordo. A Consellaría xa comunicou que levará eses servizos mínimos ao DOG.

A CIG-Ensino mostrou o seu rexeitamento aos servizos mínimos propostos ao entender que non debería ser preceptivo que todos os centros educativos tivesen a obriga de permanecer abertos, o que de por si supón unha clara limitación para que as mestras e mestres que traballan en unitarias (non dependentes de ningún CRA) poidan secundar a folga. 

As propias sentenzas do TSXG, en diferentes recursos presentados pola CIG contra anteriores decretos de servizos mínimos, foron claramente contraditorias. Por un lado a xustiza chegou a afirmar que "os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo”, o que claramente indicaría que non tería que existir obriga de abrir os centros escolares, xa que nas fins de semana permanecen pechados. Posteriormente o TSXG emendouse a si mesmo e deu por boa a decisión da Xunta de obrigar a apertura das unitarias. 

En resumo, desde a CIG Ensino denunciamos que se negue o dereito á folga a todas as compañeiras que desempeñan o seu labor nas unitarias que non estean incluídas nun CRA, e seguimos sen entender por que non se traslada o que se permite para os equipos directivos dos centros de menos de seis unidades: nos que a directora ou director poderá ser substituída por un membro calquera do equipo docente. Defendemos que isto mesmo se traslade aos centros de 6 ou máis unidades. 

Servizos mínimos para a folga do 12 de decembro.

Publicados no DOG do 4 de decembro de 2019. Ligazón

Centros de 6 ou máis unidades: 1 membro do equipo directivo.

Centros de menos de 6 unidades: 1 membro do equipo directivo ou membro do claustro no que deleguen.

Unitarias (non pertencentes a un CRA): un profesor ou profesora da unitaria.

O resto do persoal non docente (conserxes, administrativos, persoal de cociña, etc…) non está afectado pola convocatoria de folga polo que teñen que traballar con normalidade.

Volver