Delegados e delegadas da área pública concentráronse diante da Delegación do Goberno coincidindo coa votación das medidas “anticrise” no Congreso

Reiterase a necesidade de ir a unha folga xeral

Ducias de delegados e delegadas da CIG da área pública concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno en A Coruña para amosar o rotundo rexeitamento da central ás medias de recorte do déficit público que veñen de aprobarse no Pleno do Congreso. Durante a protesta, a CIG reclamou un cambio de modelo, unha aposta por reformas de carácter estrutural profundas e reiterou o chamamento a UGT e CCOO de cara a preparar a convocatoria inmediata dunha folga xeral, que paralice a consolidación de novos ataques á clase traballadora.
A CIG reitera o chamamento á convocatoria dunha folga xeral urxente para paralizar a ofensiva iniciada contra a clase obreira
Delegados e delegadas da área pública concentráronse diante da Delegación do Goberno coincidindo coa votación das medidas “anticrise” no Congreso 



Ducias de delegados e delegadas da CIG da área pública concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno en A Coruña para amosar o rotundo rexeitamento da central ás medias de recorte do déficit público que veñen de aprobarse no Pleno do Congreso. Durante a protesta, a CIG reclamou un cambio de modelo, unha aposta por reformas de carácter estrutural profundas e reiterou o chamamento a UGT e CCOO de cara a preparar a convocatoria inmediata dunha folga xeral, que paralice a consolidación de novos ataques á clase traballadora.
Delegados e delegadas da CIG participaron esta mañá nunha concentración diante da Delegación do Goberno para denunciar as medidas inxustas e regresivas recollidas no Decreto-Lei que vén de aprobarse no Congreso dos Deputados e esixir políticas que combatan ás verdadeiras causas que ocasionaron esta crise e leven a un cambio estrutural do modelo actual. Ao berro de “folga xeral”, as federacións da área pública da CIG denunciaron esta nova agresión aos empregados/as públicos/as, aos que se lles vai aplicar un considerábel recorte dos salarios, cando a gran maioría do persoal da administración non chega aos 1.000 euros mensuais. Así mesmo, advertiron que o recorte ao persoal público é a punta do iceberg “dunhas medidas que van afectar ao conxunto dos traballadores e traballadoras”.

Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, criticou con dureza o paquete de medidas aprobado hoxe e lamentou que as políticas adoptadas se limiten a cargar as consecuencias da crise na clase traballadora, mentres que “en ningún momento se puxo en tela de xuízo as grandes ganancias dos mercados financeiros especulativos”. “Non podemos permitir que estas medidas vaian adiante porque abren a porta a novas disposicións máis regresivas e á consolidación dunha reforma laboral destinada a precarizar a clase obreira, a abaratar o despedimento e que pretende liquidar a negociación colectiva”, denunciou.

Medidas, apuntou a Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública, María Carme López Santamariña, que atacan a “peza máis feble da cadea”. Neste senso, reclamou ao goberno de Núñez Feijoo que actúe “con cabeza”, pois a Xunta “ten moitos gastos que recortar”, comezando polo plus dos altos cargos e continuando pola eliminación da previsión de gasto de 1.000 millóns de euros na defensa do decreto de plurilingüismo ou a supresión e reorganización das xefaturas territoriais e o seu gabinete de asesores provinciais. “Os traballadores e traballadoras públicos/as non somos moeda de cambio, non somos os que temos que pagar esta crise, prestamos un servizo público básico. As medidas aprobadas hoxe van supor un recorte brusco nos servizos públicos, unha maior privatización e un incremento dos beneficios para as empresas privadas”, advertiu.

Pola súa banda, a Secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembrou que os traballadores e traballadoras públicas galegos/as xa sufriron un primeiro recorte dos salarios coa chegada do PP ao goberno da Xunta, cando decidiron suspender os acordos retributivos xa asinados. Ademais, continuou, esta política de “austeridade” ten provocado unha redución de 9.8 millóns de euros destinados á sanidade pública, que se veu traducido nun deterioro da cualidade dos servizos (peches de camas, un 40% menos de contratación e precarización das condicións laborais).

Chamamento a UGT e CCOO para a convocatoria dunha folga xeral

As federacións da área pública da CIG lembraron que esta crise non a promoveu á clase traballadora, senón que esta é a súa primeira vítima e son as políticas neoliberais as que hai que erradicar. Para darlle resposta a vaga de ataques perpetrados dende o poder e paralizar as medidas regresivas, a única saída pasa pola convocatoria da folga xeral. Neste senso, a CIG reiterou o chamamento ás centrais sindicais estatais, UGT e CCOO, para que rachen coas mesas do chamado diálogo social, por seren mecanismos desmobilizadores nos que se pactaron as últimas reformas laborais que foron en contra de conquistas xa consolidadas. “UGT e CCOO teñen que abandonalas, porque son mesas que levan a un recorte de dereitos, e ten que haber unidade sindical para levar a cabo unha folga xeral, porque é única medida rotunda e contundente para atallar estas políticas.

Dende a CIG advertiuse que “se non somos capaces de artellar mobilizacións fortes, continuarán no camiño de cargar nas costas da clase traballadora as consecuencias dunha crise que non causamos”.

Calendario de mobilizacións

O 2 de xuño, concentracións diante dos diferentes centros de traballo.

O 8 de xuño, concentracións e unha folga en toda a área pública. Convocatoria que a CIG pretende facer extensiva ás empresas nas que os traballadores/as teñen os seus salarios equiparados aos da área pública.

O día 17 de xuño, mobilizacións en todas as cidades galegas tras da celebración de asembleas empresa por empresa.

Volver